CRÍTICA DE CINEMA

Capitá Marvel, por Andrés Castro

Vers é unha poderosa integrante das forzas especiais kree. Após dunha misión de rescate acaba na Terra onde comeza ter recordos sobre o seu pasado como Carol Danvers, unha piloto de avións militares.

capitana_1552132973

Seica na última, e definitiva(?), entrega dos Vingadores a personaxe da Capitá Marvel vai ter un papel decisivo, así que, se se quere ter un goce completo desta mega-película de máis de tres horas hai que tragarse este spin-off. Si, tragarse...

Comeza coa Capitá Marvel –que nese momento do filme faise chamar Vers– xa con poderes nun planeta extraterrestre dominado polos kree onde forma parte dun grupo militar. Nunha misión é apresada e fuxe ao planeta Terra. Os skrull, uns tipos con pinta de Piccolo que poden mudar de apariencia, tratarán de darlle caza. Curiosamente a Capitá Marvel topa con Nick Furia pero trinta anos máis novo, con pelo e cos dous ollos intactos. Estamos en 1995.

Hai unha morea de efectos especiais, caracterizacións moi logradas (atención a Samuel L. Jackson), acción trepidante, un humor bastante fino, certa carga dramática e até unha gañadora de Óscar (Brie Larson por A habitación) aos mandos da función, pero semella feito todo para que encaixe como unha sorte de precuela dos Vingadores que trata de explicar certos acontecementos (xa vistos dentro da saga Marvel) que se antollan metidos con calzador.

Quizais o mellor de Capitá Marvel está xusto no toque nostálxico dos anos 90 cando a acción transcorre na Terra. Un moi bo traballo de deseño de produción e arte tráennos unha morea de referencias que farán ás delicias de moitas e moitos que tivemos a sorte de vivir aqueles anos convulsos: camisetas de Nine Inch Nails e Guns n’ Roses, pósteres de Smashing Pumpkins, a maquiniña de Street Fighter, as cintas VHS, os CD-ROMS, Altavista como buscador (en troques de Google), o windows 3.1, as cabinas telefónicas e,claro, unha banda sonora ad hoc formada por grupos como Nirvana, Hole, Garbage, No Doubt, Elastica ou R.E.M.

Malia que se agradece o intento por ofrecer unha súper heroína diferente, vital e con carácter, os esforzos de Brie Larson son baldíos e non logran maquillar unha trama insulsa e sen fundamento. Basicamente ver Capitá Marvel só paga a pena para non perder o fío en Vingadores: Endgame e así evitarse a típica pregunta de: “quen demo é esa loura embutida nun traxe axustado e envolta en lapas?”. Polo demais... moi prescindíbel.

Capitain Marvel

(EUA 2019, 123 min.)

Dirección: Anna Boden e Ryan Fleck

Guión: Anna Boden, Ryan Fleck e Geneva Robertson-Dworet

Fotografía: Ben Davis

Música: Pinar Toprak

Elenco: Brie Larson, Samuel L. Jackson, Jude Law, Ben Mendelsohn, Annette Bening, Lashana Lynch, Clark Gregg, Gemma Chan, Djimon Hounsou, Lee Pace

Comentarios