Do 13 ao 15 de setembro en Pontevedra

Cantos na Maré amplía o alcance do seu radar

O que comezou como celebración dos lazos musicais da Galiza cos países de lingua portuguesa  é xa a descrición dunha xeografía cultural de maior alcance: a que une a música galega coas súas próximas “emocionais”. O festival Cantos na Maré, cuxa décimo quinta edición decorre entre o 13 e o 15 de setembro en Pontevedra, quere ser un mapa de conexións e tesouros.
cantos na maré uxía e chico césar
photo_camera Uxía e Chico César no Cantos na Mare´é do pasado ano. Foto: Cantos na Maré.

A idea de “mapa emocional” corresponde a Vítor Belho, un dos ideólogos do encontro e produtor executivo do mesmo. Desde o pasado ano, e en alianza coa directora artística da cita, Uxía, procura unha matización de obxectivos. Ademais dos territorios da chamada Lusofonía, queren que o radar da Maré alcance outras culturas historicamente ligadas á Galiza: as da América Latina, as que representan a pluralidade lingüística do Estado español, as que se reparten polas beiras do Atlántico Norte.

É así que nesta edición do festival estará Clara Peya (domingo, 15 de setembro, na praza da Pedreira), premio Nacional de música de Catalunya e artista que produce unha singular aliaxe de jazz suave, rap, electrónica sutil. Ou a arxentina Vive Pozzebon (sexta feira, 13 de setembro, na praza da Pedreira), que cruza ritmos africanos e tradición latina. Ou Enredadas (domingo, 15 de setembro, no Pazo da Cultura), alianza de Uxía, Martirio, Carmen París e Ugia Pedreira.

Mais o groso da proposta segue a pertencer a artistas procedentes dos Palop (países de lingua oficial portuguesa). Polo escenario da praza da Pedreira pasarán a sexta feira, 13 de setembro a partir das sete do serán a galega Laura LaMontagne, Vivi Pozzebon, a brasileira Bia Ferreira -autora do himno contra Bolsonaro Cota não é esmola- e DJ Mil e Mohammed Yahya, galego e mozambicano respectivamente.

Ao día seguinte, sábado 14 de setembro ás oito e media do serán no Pazo da Cultura, un dos pratos fortes: a caboverdiana Mayra Andrade, que en Manga (2019) deixa atrás o seu estilo habitual e adéntrase polas sonoridades urbanas e r&b. Simultaneamente, a praza da Pedreira vivirá outra xornada intensa, coas brasileiras Livia Mattos e Brazil Dub, as galegas Zeltia Irevire, os brasileiro mozambicanos Napalma e o acordo transfronteirizo Tierra Fértil, con músicos galegos, cubanos, guineanos ou brasileiros.

O domingo 15 de setembro os epicentros serán o Teatro Principal, co jazz de María João e Pablo Lapidusas á unha do mediodía e logo Clara Peya, e mais o Pazo da Cultura, onde estarán Enredadas.

Pero o Cantos na Maré achega non unicamente música. O Museo de Pontevedra acollerá cinema e performances, entre elas a Melancholemia de Antón Reixa (domingo, 15 de setembro, ás 12 da mañá) ou o Apatacón de Vero Rilo e Faia Díaz (sexta feira, 13 de setembro, 17.00 horas). E a Libraría Paz dúas presentacións de libros: o repaso pola vida e obra de Sindo de Oleas, mestre da concertina, obra de Xurxo Souto e Pedro Pascual (sexta feira, 13 de setembro, ás doce e media da mañá), e Guadi Galego. Pola beira da canción, de Pepe Cunha (sábado, 14 de setembro, á unha do mediodía).

As entradas para o 15º festival Cantos na Maré están á venda no seu web (cantosnamare.com), en forma de abono para as tres xornadas ou por actuacións separadas.

Comentarios