O festival será do 13 ao 15 de setembro

Cantos na Maré pon á venda entradas a prezo especial antes de anunciar o cartel

O festival Cantos na Maré atinxe a súa 15ª edición. E para celebralo porá a venda esta segunda feira, 26 de agosto, entradas ao prezo especial de 30 euros. A singularidade? Que aínda non anunciou o cartel.
Cantos na Maré 2013
photo_camera Unha imaxe da edición de Cantos na Maré 2013. Foto: cedida.

Mais a xulgar pola historia e os obxectivos confesos do certame pontevedrés -a conexión de Galiza coa Lusofonía-, os 15 espectáculos incluirán nomes maiores das músicas de lingua galego portuguesa. “Cantos na Maré dá un paso máis e toma unha nova reorientación”, avisa, con todo, a organización.

“O Festival quere atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos”, di, “coa música como gran nexo, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía, mais sen renunciar a outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza”.

Os novos contidos requeiren novos escenarios. Ademais do epicentro habitual no Pazo da Cultura, os concertos chegarán ao Teatro Pirincipal, o Museo de Pontevedra e diferentes espazos do casco vello. “Tamén queremos contribuír á revalorización do patrimonio da cidade”, conclúen os promotores.

Comentarios