PT Excéntricas estrea 'Estrela do día' no Rosalía de Castro da Coruña

As cantigas de Santa María segundo Quico Cadaval

A pandemia non perdoou e houbo que aprazar a estrea, pero finalmente, Producións Teatrais Excéntricas presentará a súa última montaxe na Coruña. Será no Teatro Rosalía de Castro, o vindeiro sábado 27, cando Estrela do día , unha comedia de Quico Cadaval baseada nos textos de Afonso X o Sabio, se atope, por fin, co público.   

A compañía conta cun equipo de colaboradores habituais nas súas montaxes.
photo_camera A compañía conta cun equipo de colaboradores habituais nas súas montaxes. (Foto: Nós Diario)

A compañía estivo traballando nunha residencia artística para preparar a función na Casa da Cultura do Concello de Outes, onde tiña previsto preestrear o espectáculo, mais ao final as restricións pola Covid-19 non o permitiron, igual que non permitiron a estrea en Compostela o pasado 5 de febreiro

Estrela do día é a segunda incursión de Quico Cadaval no universo medieval: hai xa máis de trinta anos, en 1989, a súa compañía na altura, O Moucho Clerc, estreara o Códice clandestino, un espectáculo dirixido por Xan Cejudo e baseado nas cantigas de escarnio e maldizer, que recreaba algunhas das situacións descritas nos cancioneiros. Desta vez, Cadaval escolle o cancioneiro relixioso de Afonso X, unha obra prima da nosa literatura que talvez non estea o suficientemente valorada polo público.

"En realidade María é a deusa-nai, un poder feminino que estabelece unha relación cos fieis moito máis humana que o deus -pai omnipotente, máis dado ao castigo e á ira", explica Cadaval

Un poder feminino e compasivo

“As Cantigas de Santa María conteñen narracións tan marabillosas coma as de Os contos de Canterbury ou coma o Decamerón –comenta Cadaval– mais posúen unha particularidade: nelas sempre intervén unha especie de heroína de Marvel –María– que pon orde nos conflitos humanos. Trátase dunha especie de Decamerón con Superwoman no elenco. O esquema é sempre moi similar: hai xente que ten problemas e que se enfronta a graves perigos e, por unha serie de mecanismos, aparece esta muller superpoderosa que amaña os contratempos. Esta figura da muller poderosa vólvese moi interesante: hai unha das historias, por exemplo, no que uns delincuentes están na cadea e van ser torturados por cometer unha serie de delitos e a intervención da Virxe libéraos. Trátase dun poder compasivo e non xusticieiro, non castiga aos delincuentes, senón que lles bota unha man. Eu entendo que cando a xente contaba estes contos, narraba sucesos reais, da xente pobre, e operaban sobre a idea de xustiza que eles tiñan. Hai sempre unha gran compaixón no fondo de todas estas historias”.

A obra preséntase como unha comedia, un xénero que sempre trata temas tan serios como a sorprendente presenza do feminino no corazón dun sistema patriarcal e pouco xeneroso coas mulleres. Cadaval explica que “a figura da Virxe sempre foi moi discutida na teoloxía: as diferentes heterodoxias e ortodoxias outórganlle un papel diferente segundo lle conveña á escola de pensamento. Parece ser unha molestia. Por que? Porque en realidade María é a deusa-nai, un poder feminino que estabelece unha relación cos fieis moito máis humana que o deus -pai omnipotente, máis dado ao castigo e á ira”.

Se cadra, hai que procurar a base dese fundamento da tradición mariana nunhas crenzas moi anteriores á consolidación do cristianismo como relixión oficiosa de Europa: “O espectáculo chámase Estrela do día porque é un dos alcumes de María, porque é unha das cantigas máis coñecidas e porque, se o entendes dunha certa maneira, tamén é un dos nomes de Venus, o luceiro da mañá e a deusa do amor. Sen querer ser exhaustivo, quixen facer escenas sobre os milagres máis eróticos, os máis relacionados con cuestións venéreas. Nunha delas, moi interesante pola súa construción, hai unha muller que sofre todas as violencias que, daquela, non eran vistas coma tales: cásana á forza, non respectan a súa vontade de non estar con homes, é agredida polo marido, é agredida polos médicos que non recoñecen a agresión… É unha muller entregada a un home por todo un sistema. E aí María intervén como unha especie de furia vingativa que opera en sentido inverso ao que se esperaría”.

As Cantigas de Santa María seguen a ser unha obra fundamental da lírica, da música –ao contrario que a maior parte do cancioneiro profano, as cantigas de Afonso X chegáronnos coa notación musical– e mesmo das artes plásticas –un dos códices a través dos cales nos chegou a obra, o chamado “códice rico”, contén 1264 miniaturas de enorme importancia iconográfica. “É unha obra monumental”, matiza Cadaval, “nós só facemos unha lectura dos milagres que falan dos males provocados polo amor, que ao fin e ao cabo, é un sentimento que xera as paixóns máis inxenuas e as máis sinistras”.

Un equipo con experiencia 

É fácil de imaxinar os irreverentes e enxeñosos camiños polos que PT Excéntricas levará toda esta materia, ao ver que moitos dos colaboradores habituais de Cadaval están presentes na creación: o elenco estará formado por Evaristo Calvo, Rocío González, Víctor Mosqueira e Patricia Vázquez; o espazo escénico e lumínico correrá a cargo de Laura Iturralde; o vestiario será obra de Uxia Pereiro Vaello, Nacho Muñoz poñerá a banda sonora e Ezra Moreno, a escenografía. E –como corresponde a un espectáculo que trata dos milagres– a dirección irá da man de Marcos PTT Carballido, un experto en encantamentos e prestidixitacións especialmente coñecido polo seu traballo na compañía O retrete de Dorian Gray, que contará coa axuda de Carlos Santiago.

Tras a estrea na Coruña, a xira do espectáculo pasará por Lugo (4 de marzo), Muros (10 de abril), O Barco de Valdeorras (14 de maio), Narón (22 de maio) e Santiago (3 e 4 de xuño).

Comentarios