Cantigas e Agarimos estrea 'Balbino' en homenaxe a Neira Vilas

Máis de 90 artistas escenificarán o domingo 27 no Auditorio de Galicia unha proposta multidisciplinar inspirada na obra ‘Memorias dun neno labrego’. 

balbino
photo_camera 'Balbino'

A estrea de 'Balbino' será o 27 de decembro ás 20 horas no Auditorio de Galicia. Cantigas e Agarimos réndelle homenaxe con este espectáculo ao autor de Vila de Cruces, falecido xustamente un mes antes da data prevista para esta estrea. 

O baile e a música tradicional mestúranse con outras manifestacións culturais para situar os espectadores no escenario vital dun neno dunha aldea galega nos anos trinta ou corenta do pasado século XX.

Como no libro de Neira Vilas, o pequeno Balbino anda á busca de cousas pequenas que lle procuren felicidade. A pesares da súa inxenuidade e simpleza, o protagonista chega á conclusión de que "algún día hai que arrepoñerse" a raíz da incomprensión de moitas das experiencias que lle toca vivir: un loito eterno que lle impide acudir ás festas da súa aldea, un mestre que non fala en galego na escola... Balbino é, por tanto, un espírito crítico, un inconformista que se rebela contra o que non considera natural. 

Con esta estrea, chega á súa fin a actual edición de ‘Danza 3’, un programa de difusión da música e a danza tradicionais, promovido pola Agadic, xunto con Cantigas e Agarimos, Xacarandaina e O Fiadeiro. 

Comentarios