Manual de José Cernadas

A cantería tradicional segundo o Museo do Pobo Galego

A cantería tradicional tende á metamorfose. «As técnicas e os saberes dos canteiros mudaron debido ao emprego de novas tecnoloxías e ás demandas dun sector altamente industrializado», explican desde o Museo do Pobo Galego. Ao centro compostelán preocúpao, en todo caso, conservar os coñecementos artesanais que se atopan nos alicerces da construción con pedra na Galiza. O monográfico A cantería tradicional, do canteiro profesional José Cernadas Sende (Carnota, 1971), publicado polo museo, pretende contribuír a ese fin.
a cantería tradicional cuberta 2
photo_camera Cuberta do monográfico 'A cantería tradicional', de José Cernadas e publicado polo Museo do Pobo Galego. Foto: Museo do Pobo Galego.

«É un libro que recolle, dende o interior do oficio, os coñecementos da cantería tradicional, os útiles, os procedementos e as construcións de xeito sinxelo e didáctico de diversos traballos de cantería que conforman a paisaxe histórica galega», afirma a institución de Compostela, onde se presenta o volume esta quinta feira 14 de novembro.

Nesa xornada o autor estivo acompañado do arquitecto e patrón do Museo do Pobo Manuel Caamaño, quen ademais se encargou da introdución do volume. «O fin deste manual é documentar e divulgar os saberes dos canteiros», sinalan, «tamén poñer en valor o noso patrimonio tradicional. Cómpre lembrar que a Unesco declaraba en decembro de 2018 a técnica de construción da pedra en seco como Patrimonio Inmaterial da Humanidade». Mantemento de ferramentas, as paredes, a extracción de pedra no monte ou a construción de cruceiros, horreos, muíños de río, fornos de cantería ou vivendas conforman algúns dos capítulos da obra.

A cantería tradicional será o terceiro número da colección divulgativa Manuais do Museo do Pobo Galego. A serie comezara en 1985 con A cultura popular, de Xosé Ramón Mariño Ferro e continuou sete anos despois con As festas cíclicas do ano, de Clodio González Pérez.

Comentarios