Cans prepárase para o día grande

Xa ninguén dubida de que a festa grande de Cans é o sábado do festival de cine no que a veciñanza abre portas e axita potas. Para mañá, contan coa visita de José Luís Cuerda, protagonista no Coloquio na Leira de Alicia no máis de medio cento de actividade deste festival da ducia. 

cans

Esta fin de semana non só se votará nos colexios electorais. As eleccións volven caer nas xornadas do Festival de Cans onde reflexión e votación darán tamén os nomes dos proxectos gañadores desta nova elección. Mais Cans non está só de reflexión senón de moita festa e a veciñanza non para nestes días nos que o mundo do audiovisual invade a aldea. 

O director de cine José Luís Cuerda deixará a partir deste sábado a súa pegada no Torreiro das Estrelas de Cans. Será na xornada na que protagonice o Coloquio na Leira de Alicia, no día grande do festival máis agroglamuroso. O Torreiro non será, a partir de agora, o único espazo na aldea no que quede pegada dos grandes nomes do festival. Nesta edición inaugúrase o Muro dos Chimpíns co fin de que os premios Pepe Puime teñan tamén o seu lugar de gloria para a posteridade que inaugurará o veciño de Cans Juan Rivas. 

Máis de medio cento de actividades 

Chega Cuerda a esta edición que fai a ducia do festival despois de que nomes coñecidos do audiovisual como Daniel Guzmán, Luís Tosar ou Javier Gutiérrez quentaran motores dos chimpíns nas animadas sesións de encontro coa veciñanza e cos primeiros asistentes que se multiplicarán durante a fin de semana do encontro do audiovisual máis popular. A edición da ducia  inaugura novas seccións e espazos como os Concertos na Placa, o Muro dos Chimpíns ou o programa infantil “MiniCans”. 

De mañá a noite e durante as dúas xornadas, Cans terá tamén banda sonora co agardado concerto de Def con Dos, a nova música de Sés, Blues do País, Adrián Costa, Davide Salvado ou Quempallou. A actividade será continuada, en multitude de espazos e para todos os públicos e interese no animado programa da ducia de Cans. O CanSonoro con Xurxo Souto á cabeza que tamén presentará Dos gaiteiros do Mar, coa actuación dos seus protagonistas Manuel Sotelo Manoliño de Donón e Lito Pinténs, a proxección de curtas ao longo da xornada, longametraxes, encontros, debates e moitas sorpresas danse cita nunha fin de semana intensa que, máis unha vez, coincide con reflexión e votación. O programa ao completo pódese consultar na páxina web do festival. 

Comentarios