Esta fin de semana non só se votará nos colexios electorais. As eleccións volven caer nas xornadas do Festival de Cans onde reflexión e votación darán tamén os nomes dos proxectos gañadores desta nova elección. Mais Cans non está só de reflexión senón de moita festa e a veciñanza non para nestes días nos que o mundo do audiovisual invade a aldea.
O director de cine José Luís Cuerda deixará a partir deste sábado a súa pegada no Torreiro das Estrelas de Cans. Será na xornada na que protagonice o Coloquio na Leira de Alicia, no día grande do festival máis agroglamuroso. O Torreiro non será, a partir de agora, o único espazo na aldea no que quede pegada dos grandes nomes do festival. Nesta edición inaugúrase o Muro dos Chimpíns co fin de que os premios Pepe Puime teñan tamén o seu lugar de gloria para a posteridade que inaugurará o veciño de Cans Juan Rivas.
Máis de medio cento de actividades
Chega Cuerda a esta edición que fai a ducia do festival despois de que nomes coñecidos do audiovisual como Daniel Guzmán, Luís Tosar ou Javier Gutiérrez quentaran motores dos chimpíns nas animadas sesións de encontro coa veciñanza e cos primeiros asistentes que se multiplicarán durante a fin de semana do encontro do audiovisual máis popular. A edición da ducia inaugura novas seccións e espazos como os Concertos na Placa, o Muro dos Chimpíns ou o programa infantil “MiniCans”.
De mañá a noite e durante as dúas xornadas, Cans terá tamén banda sonora co agardado concerto de Def con Dos, a nova música de Sés, Blues do País, Adrián Costa, Davide Salvado ou Quempallou. A actividade será continuada, en multitude de espazos e para todos os públicos e interese no animado programa da ducia de Cans. O CanSonoro con Xurxo Souto á cabeza que tamén presentará Dos gaiteiros do Mar, coa actuación dos seus protagonistas Manuel Sotelo Manoliño de Donón e Lito Pinténs, a proxección de curtas ao longo da xornada, longametraxes, encontros, debates e moitas sorpresas danse cita nunha fin de semana intensa que, máis unha vez, coincide con reflexión e votación. O programa ao completo pódese consultar na páxina web do festival.