Cans entrega os premios ás mellores curtas

Ladrones de tiempo, de Fran X. Rodríguez, vén de ser recoñecido como mellor curta no Festival de Cans, mentres que Lurna recibiu o premio especial do xurado da veciñanza. Diaryatou Daff e Xosé Barato acadaron os recoñecementos a mellor actriz e actor.

Palmarés do Festival de Cans
photo_camera Palmarés do Festival de Cans

Fran X. Rodríguez recolleu o premio á mellor curta no Festival de Cans por Ladrones de Tiempo. O xurado, formado por Dani de la Torre, Belén Constenla, Manuel Jabois, Helena Miquel, Nacho Castaño e Ana Cermeño, valorou o “traballo de imaxe real” e a “fraccionalidade do tempo”, así como a “orixinalidade” do proxecto, que cualificou de “ambicioso”. Esta fita tamén recibiu o premio Agag do xurado a mellor guión.

Aliás, a mellor curta de animación recaeu en Viaje a pies, de Khris Cembe, pola súa “imaxe potente” e pola posta en escena e un guión “sorprendentes”.

O premio á mellor actriz foi para Diaryatou Daff, protagonista da curta Lurna, mentres que Xosé Barato recolleu o premio a mellor actor por A liña política. Lurna tamén foi recoñecida co premio especial do xurado da veciñanza, que valorou o reflexo “dunha realidade social triste” da inmigración, e co premio do xurado á mellor banda sonora.

Aliás, o Premio CREA do xurado á mellora realización foi para Juan Hervella-Rego por Share o no share.

Videoclips

A respeito da categoría de videoclips, o xurado, formado por Pablo González Batista, Teresa Cuíñas Lavandeira, Déborah Vukusic Rodríguez e Amaro Ferreiro deulle o premio ao mellor traballo a Buscando a Superfama, de Heredeiros da Crus, un clip dirixido por Olga Osorio.

O vídeo El último esfuerzo, de Manos de Topo, dirixido por Alejandro Marzoa, obtivo unha mención especial, mentres que With my hands, de Furious Monkey House, dirixido por Violeta Mosquera, foi premiado polo público.

Comentarios