xoves 16/09/21

Canjazz 2021: o jazz chega a Cangas cargado de novidades discográficas

A cita musical terá lugar do 22 ao 25 de agosto nas Naves de Ojea.
Jesse van Ruller e Maarten Hogenhuis. (Foto: Jonathan Herman)
Jesse van Ruller e Maarten Hogenhuis. (Foto: Jonathan Herman)

A XXIV edición do Festival Internacional de Jazz de Cangas, Canjazz 2021, decorrerá do 22 ao 25 de agosto nas Naves de Ojea, con catro veladas de música e un programa cargado de novidades discográficas. O festival contará con dous escenarios, un para os concertos das 22 horas e outro para os concertos de formato pequeno.  

O cartel do festival comezará o domingo 22 coa presentación de Weird Tales do A. O. F. Project, banda liderada polo cantante e saxofonista Antonio Otero Fernández. A seguir, soará Cristina Montull Trio, a formación liderada por esta pianista e compositora catalá afincada en Asturias. Cun repertorio creativo e diverso, Montull foxe das etiquetas e clasificacións pero non agocha influencias como Brad Mehldau, Aaron Parks ou Tom Jobim.

O día 23 será a vez da proposta máis internacional desta edición. Por un lado, Jesse Van Ruller, un dos guitarristas de maior talento da súa xeración; polo outro, o saxofonista Maarten Hogenhuis, galardoado co prestixioso premio musical North Sea Jazz, un dos máximos expoñentes das novas xeracións do xénero a nivel mundial. Presentarán o seu próximo disco, que sairá en setembro.

A velada continuará con Guillermo Guerrero Trío, formación composta por tres novísimos músicos vigueses (Guillermo Guerrero na guitarra, Juan Alonso no contrabaixo e Juan Guerrero na batería) representantes da nova fornada do jazz galego.

A noite do día 24 chegará Incertezas, último traballo do saxofonista Enrique Oliver, un dos referentes e artistas máis sólidos do jazz estatal. O disco inclúe material escollido e composto ao longo de cinco anos e un periplo vital por tres cidades: Lisboa, Basel e Málaga.

A seguir, tocará unha formación reunida para a ocasión co contrabaixista Xurxo Estévez á fronte, o saxofonista valenciano Joan Saldaña, o guitarrista francés Wilfred Wilde e o batería galego residente na Haia, David Puime.

O día 25, última noite do festival, a pianista compositora e cantante Lucia Fumero, acompañada polo seu trío, presentará Universo Normal o seu novo traballo discográfico, con temas propios, e cunha profunda raíz no folklore.

Como clausura do festival, subirá ao escenario Humberto Cao Quartet, unha formación de jazz co violín e a voz como principais instrumentos. 

A oferta formativa do Canjazz inclúe nesta edición unha masterclass con Jesse Van Ruller e Maarten Hogenhuis.

A entrada ao recinto será por orde de chegada, polo que non será necesario reservar prazas. As portas abrirán media hora antes do inicio dos concertos.

comentarios