Cangas repensa a saúde mental na exposición 'Disorders'

O acto de inauguración terá lugar hoxe ás 12 horas na propia Casa da Bola, onde intervirán representantes de Saúde Mental Feafes Galiza e as autoras dos cadros da exposición, que estarán acompañadas por persoas usuarias, traballadoras e familias da asociación DOA Saúde Mental. 

Ilustración Disorders - Autor Xolo
photo_camera Ilustración 'Disorders' (Foto: Xolo)

Hai catro anos, Carlos Morales puxo en marcha un proxecto baixo o nome Fear of Missing Out, onde pretendía dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa, partindo dun disco como proposta inicial. 

A partir de aí, a iniciativa tomou vida propia e acabou derivando en Disorders, un proxecto artístico multidisciplinar no que participaron múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo.

A parte plástica do proxecto naceu coa vontade de ilustrar o libreto do disco, para o cal Carlos Morales contactou con Saúde Mental Feafes Galiza. Deste xeito, catro persoas usuarias desta entidade e das súas asociacións afíns realizaron un total de 14 cadros, os cales compoñen a mostra que agora visita Cangas do Morrazo.

Deste modo, a sala de exposicións da asociación Adicam na Casa da Bola (Rúa Valentín Losada nº1 1º) acollerá, do 28 de febreiro ao 27 de marzo, unha mostra de pintura e ilustracións realizadas por persoas con problemas de saúde mental procedentes de distintos lugares da Galiza.  

Xolo, da asociación A Mariña (Cervo); Mª Reyes Fragueiro, de Saúde Mental Feafes Galiza (Vigo); e Michel e Ith, de DOA Saúde Mental (Cangas do Morrazo), son as autoras dos cadros que compoñen esta mostra.

O acto de inauguración terá lugar hoxe ás 12 horas na propia Casa da Bola, onde intervirán representantes de Saúde Mental Feafes Galiza e as autoras dos cadros da exposición, que estarán acompañadas por persoas usuarias, traballadoras e familias da asociación DOA Saúde Mental. 

As vindeiras semanas a exposición poderá visitarse de luns a venres de 11 a 13 horas, e polas tardes os luns e os martes de 17 a 19 horas.

Comentarios