Cando a partitura é unha obra de arte gráfica

Suelen Estar Quartet interpretará ‘Treatise’, de Cornelius Cardew, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Hai partituras que, só pola forma en que están escritas, son xa obras de arte. Nestes momentos poden verse algunhas na exposición Mirar o son, que acolle o Auditorio da Galiza, en Santiago. Mais quen teña curiosidade por elas terá unha oportunidade máis o domingo 15 no CGAC, pois a agrupación Suelen Estar Quartet interpretará, ao mesmo tempo que a proxecta nunha pantalla, Treatise, de Cornelius Cardew. Que non é só unha partitura, senón unha composición de 193 páxinas de liñas, formas xeométricas, números e símbolos considerada, xunto con The great learning, unha das obras mestras deste autor. 

Unha obra de notábel valor visual que o compositor británico escribiu deixando liberdade aos intérpretes para atopar as súas propias correspondencias entre gráfica e son. “É unha partitura totalmente aberta” -explica Macarena Montesinos, de Suelen Estar Quartet- “que pode interpretar calquera tipo de formación. Hai moitas versións, por exemplo unha electrónica. Cadaquén ten que buscar a súa propia linguaxe para poder tocala”. No concerto do CGAC, o público irá vendo en vídeo por que parte da partitura estará en cada momento este cuarteto de corda. “Poderá verse como codificamos. Non será como cando a partitura está nun atril e o público non ve o que pasa”, engade Montesinos.

Suelen Estar Quartet, formado por Macarena Montesinos ao cello, Elena Vázquez ao violín, María José Pámpano á viola e Saúl Puga ao contrabaixo, estreará no CGAC a súa versión de Treatise. Estes catro músicos contan cunha longa traxectoria na improvisación libre -foron integrantes da Orquestra Omega ou de Metamovida e agora sono da Orquestra Galega de Liberación- malia que comezaron a traballar xuntos facendo música para unha obra de teatro infantil.

“Nos tempos mortos empezabamos a improvisar. Xurdiu dun modo natural. E despois creamos o cuarteto”, lembra Montesinos. 

Improvisación

Mais a improvisación -indica Montesinos- é froito “dun traballo de fondo”: a práctica da escoita activa para responder ao que fai o compañeiro, o acordo sobre algúns materiais ou a aprendizaxe duns códigos. “Levamos unha década traballando xuntos e xa nos coñecemos”, subliña Montesinos. A escolla da obra de Cardew tivo que ver, precisamente, co seu traballo de investigación -é docente e investigadora na Universidade de Vigo -sobre partituras gráficas e improvisación sonora. “Tiñamos previsto facer este concerto antes, pero tivemos que adialo pola covid”, comenta. 

Treatise (Tratado) foi composta entre 1963 e 1967. Con algunha inspiración no Tractatus de Wittgenstein, buscou unha notación nova -contraria ao serialismo hexemónico naquel momento- a base de símbolos e formas xeométricas que lle dan un valor pictórico á partitura.“Escribín Treatise coa definida intención de que se sostivese por si mesma, sen ningunha forma de presentación ou de instrución que inducise a erro aos posíbeis intérpretes á práctica servil de facer o que se lles di”, escribiu o propio autor. 

Das 193 follas, poden escollerse só algunhas e “cada páxina pode durar un minuto ou uns segundos, como se queira”, sinala Montesinos, xa que o compositor non deixou instrucións sobre como interpretala. O autor achegouse á vangarda fuxindo da comodidade burguesa, decepcionado coa vangarda aliñouse co maoísmo, do que despois foi crítico. E chegou a renegar de Treatise para despois volver tocala. 

Comentarios