Festival de Benidorm: Tanxugueiras, á final

O trío de pandeireteiras estréase no Festival de Benidorm partindo como favoritas nunha enquisa de 'Electomanía'.
As Tanxugueiras, na súa actuación no Festival de Benidorm, esta cuarta feira (Foto: @marialanlan).
photo_camera As Tanxugueiras na súa actuación no Festival de Benidorm, esta cuarta feira (Foto: @marialanlan).

As Tanxugueiras, o trío formado polas irmás Sabela e Olaia Maneiro e máis Aida Tarrío, debutan esta cuarta feira no Festival de Benidorm, que elixirá a próxima ou próximo representante do Estado español no certame de Eurovisión, que este ano decorrerá na cidade italiana de Torino o vindeiro 14 de maio.

Segundo unha enquisa publicada na horas antes de que principiase o certame por ElectomaníaTanxugueiras serían as favoritas de 42,2% das persoas enquisadas en todo o Estado, con máis de dez puntos de vantaxe sobre a seguinte artista, Rigoberta Bandini (29,5%).

Onde podo ver o festival?

A canle estatal TVE-1 (La1) e as plataformas dixitais de RTVE retransmitirán o evento íntegro, que principiará ás 22.40 horas e rematará contra as 23.55. No caso de que as galegas superasen esta primeira pena no seu camiño, competirían na final deste sábado, tamén a través de La1, mais desta volta en horario de 22 horas a 00 horas.

Como será a competición?

Tanxugueiras debuta no festival esta cuarta feira, a partir das 22.40 horas, na primeira semifinal da competición. Fronte ás galegas estarán Varry Brava, Azúcar Moreno, Blanca Paloma, Unique e Chanel. Non estará Luna Ki, que rexeitou participar após prohibir a organización do evento o uso do autotune nas actuacións. As pandeireteiras, segundo confirmaron fontes da organización, actuarán na quinta quenda.

No caso de superaren esta primeira proba —clasifican catro das seis artistas—, o trío conformado polas irmás Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío enfrontariase na final do sábado (22 horas) ás outras tres vencedoras e vencedores do seu grupo e os catro gañadores da semifinal na que compiten Xeinn, Marta Sango, Javiera Mena, Gonzalo Hermida, Rigoberta Bandini, Rayden e Sara Deop. Oito artistas, polo tanto, loitarán na final por un billete a Eurovisión 2022.

Como podo votar?

O resultado das votacións que marcarán a clasificación en cada rolda, a través dun sistema mixto que combina xurado profesional, televoto e xurado demoscópico.

  • 50%: A metade da nota corresponde ao xurado profesional, composto por cinco persoas expertas, tres do Estado español e dúas procedentes doutros territorios do mundo.
  • 25%: Unha cuarta parte fica en mans do público a través do tradicional 'televoto' por chamadas telefónicas ao SMS —cuxos números facilitará por pantalla a organización chegado o momento—.
  • 25%: A última parte da cualificación resérvase para o xurado demoscópico, isto é, unha mostra composta por 350 persoas en representación da poboación do Estado, "seleccionadas mediante regras estatísticas e demoscópicas", segundo informan desde o festival.

'Terra', a atrevida proposta das Tanxugueiras

O trío de Aida Tarrío e as irmás Maneiro competirá no certame coa canción 'Terra', que no mesmo día en que se publicou superou o medio millón de reproducións. 'Terra' é un "canto á tradición", como as propias Tanxugueiras definían o tema nunha recente entrevista a Nós Diario: "Tiñamos moi claro que queriamos transmitir con 'Terra', que é terra, nunca mellor dito; a cultura, e o agradecemento ás nosas nais e avoas por conservaren esta cultura e estas cancións tan bonitas e tan nosas. E, á mesma vez, queriamos darlle ese toque hipnótico e a forza 
das Tanxugueiras".

Comentarios