Cando naceu Rosalía? Cando morreu Murguía?

Os humanos temos varias varas de medir a importancia que outorgamos a algunhas e a algúns dos nosos conxéneres, en vida ou despois da morte, desde as clásicas estatuas aos recentes doodle, pasando por placas conmemorativas e lápidas funerarias. 

placa

Os humanos temos varias varas de medir a importancia que outorgamos a algunhas e a algúns dos nosos conxéneres, en vida ou despois da morte, desde as clásicas estatuas aos recentes doodle, pasando por placas conmemorativas e lápidas funerarias. Unhas e outras teñen como finalidade básica lembrar certas datas, normalmente nacemento e morte, da persoa a que se refire e non soemos desconfiar de que información alí exposta, gravada na propia pedra ou en metal, poida non ser veraz. Máis non sempre é así e sucede a miúdo que achamos erros de información que non son comprensíbeis. Sucede con Murguía e sucede con Rosalía. E seguro que con moitos máis.

"Non parece lóxico que no mesmo lugar onde se garda a súa memoria se expoña un dato incorrecto razón pola que debería haber algunha indicación de que a data correcta é outra".

En Padrón, na casa da Matanza, na parte posterior, hai unha placa doada por Bueso Pineda, que informa  “Rosalía Castro nacida en Santiago a 23 de Febrero de 1837.” A placa ten data de 15 de xullo de 1900 e ignoro se na altura se barallaba a data de 23 de febreiro como día de nacemento ou é un simples erro, mais, ao se confirmar a data de 24 de febreiro e establecelo como Día de Rosalía non parece lóxico que, no mesmo lugar onde se garda a súa memoria, se expoña un dato incorrecto razón pola que debería haber algunha indicación de que a data correcta é outra.

No que a Murguía se refire, o pasado día 1 de febreiro fixéronse 92 anos da súa morte,  dous máis dos 90 que durou a súa vida desde que un 17 de maio de 1833 comezou a respirar o ar do Froxel (Oseiro-Arteixo) e o 1 de febreiro de 1923 deixou de tomar alento na Coruña. Unha simples resta dá noventa anos de vida ao servizo da Galiza.

Hai uns meses, percorrendo os xardíns de Méndez Núñez na Coruña cun grupo de alumnos e alumnas, ao chegarmos ao busto de Murguía, unha alumna ficou sorprendidada da súa lonxevidade:
– Viviu cen anos?, preguntou.
Ao que respondín que non, que a súa vida transcorrera entre 1833 (o mesmo ano en que Javier de Burgos estableceu a división territorial por provincias, baseándose nas formulacións do Novo Réxime mais tomando como base a antiga división en reinos da monarquía borbónica ) e 1923 (ano en que Primo de Rivera emite un manifesto en Barcelona, recibindo a aprobación do rei Afonso XIII, para emprender unha ditadura).

Foron pois 90 anos durante os cales Murguía asistiu a acontecementos fulcrais no noso devir como pobo que empezaba a deixar a amnesia para lembrar, pouco a pouco, quen era e para onde quería ir.
Mais, perante a insistencia desta alumna comprobei como, efectivamente, unha inscrición, en letras douradas, que aparece sob o seu busto, lle atribúe 10 anos máis de vida.

"Comprobo que se fai unha correcta transcrición do que aparece na peaña do busto de Murguía, mais non se fai referencia ao erro biográfico. Ninguén se percatou".

Un pouco dubitante, pois non parecía lóxico tal erro nas datas vitais dunha das personalidades máis recoñecidas da Galiza e tendo en conta que seguramente moitos estudosos da nosa historia en xeral, e da vida de Murguía en particular, terían visitado este busto, procurei máis información no web do Concello da Coruña, na entrada Xardíns de Méndez Núñez e alí puiden encontrar a seguinte descrición sobre o monumento:

Monumento a Manuel Murguía.
Autor: Fernando Cortés Bugía.
Localización: xardíns de Méndez Núñez, preto do reloxo floral.
Características: busto en bronce con pátina dourada sobre unha base de granito negro pulido, situado sobre unha peana a modo de pirámide de cúspide truncada, realizada en granito rosa pulido. Sobre unha das paredes aparecen as letras en bronce: “Murguía 1833-1933?.

Todo tal cal eu o vira.

Comprobo que se fai unha correcta transcrición do que aparece na peaña do busto de Murguía, mais non se fai referencia ao erro biográfico. Ninguén se percatou.

Non sei cantos anos leva o busto de Murguía nos Xardíns, nin quen é responsábel do erro, tamén ignoro se a Murguía lle tería gustado vivir 10 anos máis, pero en todo o caso, erros como os que estamos a comentar denotan o pouco valor que lle damos ás nosas figuras históricas e, xa de paso, a nós mesmos, pois isto tamén é memoria histórica e a corrección de tal erro é, polo menos, tan urxente como a restauración dun topónimo deturpado.

Os espazos públicos como os citados xardíns ou as casas museo, son lugares de aprendizado; por iso, cando ao partirmos do xardín vin ao pé dunha árbore unha fermosa etiqueta describindo a especie, fiquei coa dúbida. E el sería realmente un metrosidero aquela árbore con cabeleiras de bruxa colgadas a dous metros de altura?

Comentarios