'Vigo 1972'

Cando o movemento obreiro conquistou a democracia

Hai zonas da historia de Galiza que o oficialismo se esforza por escurecer. A achega da clase obreira á loita pola democracia é unha das máis amplas e opacadas. Como a contrafío dos relatos de mesa braseiro, en que un monllo de notábeis decidían os destinos da nación, o filme Vigo 1972, dirixido por Roi Cagiao (Vigo, 1978), procura luz, honores para o movemento dos traballadores e a súa loita contra o franquismo. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 280.

cache_7569009

1“Eu son vigués. O meu pai traballaba na Citroën, e aínda que en 1972 non estaba organizado, despois si que militou na esquerda”, explica o cineasta o itinerario vital que o levou ao filme, “eu tamén son unha persoa activa socialmente. Vía que os feitos de marzo do 72 en Ferrol si se coñecían, mais non tanto os de Vigo”. Unha folga xeral de 15 días –“heroica”, denomínaa– colocou a cidade do sur de Galiza na vangarda da resistencia á ditadura. Aquelas dúas semanas de furia foran consecuencia directa da solidariedade obreira con Ferrol. Paros parciais, fábricas en greve –a situación en Barreras desencadeou en maio dese ano manifestacións por toda a bisbarra–, unha sociedade que xa excedía as estruturas políticas do fascismo serodio, convertían a urbe industrial galega por excelencia nun fervedoiro. “O que sucedeu é difícil de entender visto desde hoxe. E cando se entende, enténdese mal, case sempre de maneira conspirativa”, sinala o historiador Carlos Barros (Vigo, 1946).

Barros é un dos testemuños que recolle Vigo 1972. Na época era o responsábel do Partido Comunista de Galiza para o movemento obreiro e membro do comité central do partido español. “Os traballadores só se podían apoiar daquela no PC”, considera, “despois estaba o grupo nacionalista de Camilo Nogueira e Francisco Lores en Citroën e unha escisión do partido, a Organización Obreira”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 280, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios