Teatro

Cando a distancia non é unha opción: fronte á Covid-19 sobre as táboas

Vén de ver a luz unha guía de recomendacións para facer fronte á Covid-19 no sector escénico, que sinala a conveniencia de cribados e/ou probas ao elenco artístico, unha reivindicación que desde hai tempo viñan facendo as asociacións sindicais. A natureza do espectáculo teatral condiciona en ocasións a adopción doutras medidas como o mantemento da distancia ou o uso de máscaras, polo que os tests se volven fundamentais para evitar a aparición de focos, adaptándose aos distintos puntos e tipos de produción. 
Expectáculo teatral 'O premio',
estreado logo do confinamento.
photo_camera Expectáculo teatral 'O premio', estreado logo do confinamento. (Foto: La Quintana Teatro)

O sector escénico é unha das disciplinas que máis duramente está a sufrir o impacto da Covid-19. Segundo datos tirados do informe que publicaba onte o Consello da Cultura Galega, a asistencia caeu de maneira moi acusada, tanto nos espectáculos gratuítos como nos de pago.

Se antes 5 de cada 10 persoas aseguraban non ir nunca, agora son 8. Isto tradúcese en 732.000 espectadores menos e unha contracción do gasto medio anual de 89,6 a 66,9 euros. Isto é debido, en boa medida, á presencialidade desta disciplina e aos medos que esta comporta para as asistentes.

Neste senso, o traballo sobre as táboas ten ademais un compoñente de risco engadido para as propias profesionais da escena, pois a natureza dos espectáculos moitas veces non permite o uso de máscaras ou o mantemento das distancias recomendadas. Como se vive esta situación desde dentro?

Desde este mes, o sector conta cunha guía de recomendacións fronte á Covid-19, consensuada polo comité de Saúde Laboral do Convenio de Actores e Actrices da Galiza, integrado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Comisións Obreiras (CCOO), Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Confederación Intersindical da Galiza (CIG) como parte das traballadoras e a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Gardar a distancia

Esta era unha demanda que viña de lonxe para os actores e actrices. Como expresa Xabier Deive, presidente da AAAG, o documento chega "moi tarde", considerando que desde a súa asociación sindical levan "desde maio, desde que rematou o confimamento", reclamando un protocolo que lles permita subirse ao escenario en condicións de seguridade.

"O teatro é unha arte de contacto. Recrear actividades que na vida normal se volveron perigosas comporta ese mesmo risco", explica Deive

"O teatro é unha arte de contacto, e cando non pola proximidade pode haber intercambio de fluídos. Recrear actividades que na vida normal se volveron perigosas comporta ese mesmo risco", explica.

Á saída do confinamento, "as medidas centrábanse na seguridade do público", explica Deive, sen entrar a valorar unha competencia que considera das expertas sanitarias. Porén, as traballadoras e traballadores sobre o escenario ficaron esquecidos da ecuación, sen pautas específicas para enfrontarse á nova normalidade.

Se queres seguir a ler só tes que ir ao quiosque máis próximo polo Nós Diario ou facer a compra na nosa loxa online. Que non che volva pasar isto: tramita xa mesmo a túa subscrición!

Comentarios