Convite para apadriñar un jalpón coa lembranza de cando Cans foi Cannes

Coa “incerteza económica” no horizonte, o festival de Cans apura a imaxinación para que a cada pouco sexan máis quen contribúa a que o máis sonado encontro do audiovisual galego reborde como todos os anos. De agasallo, ofrecen con moita rexouba o documental sobre a edición na que a CNN confundiu Cans con Cannes. 

Festival de Cans, presentación
photo_camera Festival de Cans, presentación

“Apadriña un jalpón” é a nova idea da Asociación Cultural Arela para que o Festival de Cans manteña toda a súa forza mesmo en tempos de debilidade. Por 300 euros calquera empresa ou particular pode apadriñar un jalpón ou unha adega, sedes privilexiadas da programación, co fin de animar os patrocinios privados a colaboraren no que é, sen dúbida, unha das citas máis populares e de máis relevancia pública do ano cultural galego. 

Desde o Festival de Cans apostan por continuar co número de galardóns e a contía dos premios así que, coa merma das axudas institucionais, confían no apoio popular para que o encontro rural do audiovisual máis xenuíno goce dunha nova edición á altura das anteriores. Apadriñar un jalpón ou adega, salas do festival, pode ser unha das opcións mais desde a organización abren a posibilidade a calquera tipo de apoio económico para que Cans continúe a ocupar o lugar de privilexio que mesmo   levou á afortunada confusión da CNN do festival dirixido por Alfonso Pato co francés de Cannes. Desa brincadeira naceu o documental “O ano que saímos na CNN”, dirixido por Susana Sotelo e Carla Rivera que a organización difunde por vez primeira na rede, a través da súa páxina en facebook, para conmemorar que superan xa os 16.000 seguidores e seguidoras. Aproveitan a distribución do documental para homenaxear á veciñanza de Cans, verdadeiros protagonistas na organización do encontro. 

Dúas semanas para curtas e videoclips

Lembran tamén desde Cans que o tempo corre e quedan xa só dúas semanas para presentar as curtas e videoclips que entrarán en concurso na presente edición do festival que se celebrará do 21 ao 24 de maio. Até o 28 de febreiro está aberto o prazo para presentar traballos que, no caso das curtas teñen que estar producidas por unha produtora galega ou dirixidas por directores/as galeg@s nos anos 2012, 2013 ou 2014. Para os videoclips, aceptaranse os de músic@s ou grupos galegos e aos dirixidos por realizadores/as galeg@s, tamén nos últimos tres anos. Preséntanse a través do servizo online festhome.com.

A dirección electrónica de contacto para dúbidas é [email protected]

Comentarios