Cando a arte se vende na Praza de Abastos

“Mercado da arte, a arte no mercado” é a iniciativa promovida pola artista Luz Darriba que se está a desenvolver na Praza de Abastos de Lugo. Corenta artistas participan no proxecto que vende as obras en postos no mercado e inclúe unha máquina expendedora de arte a 10 euros. 

lugo

Feiras de arte hai moitas mais que a arte se venda nunha praza de abastos acontece poucas veces. Esta semana está a suceder na Praza de Abastos recén remodelada de Lugo, onde a iniciativa “Mercados da arte, a arte no mercado”, promovida pola artista Luz Darriba, ofrece a posibilidade de difundir, vender e promocionar a obra de corenta artistas. 

“O obxectivo é potenciar a arte, a cultura, toda a actividade creativa, nun momento de mínimos históricos, e facelo nun entorno que tamén é importante promocionar Alimentos para o corpo, alimentos para o espírito, que se interrelacionan nun encontro amoroso e lúdico”, explica Luz Darriba, creadora da idea, a organización e o comisariado do proxecto que conta poder levalo a outras cidades galegas. A iniciativa inclúe, ademais dos postos e numerosas actividades arredor da arte, a instalación dunha máquina expendedora na que se poden adquirir obras orixinais a 10 euros. O proxecto está patrocinado pola Concellaría de Cultura do Concello de Lugo máis a Asociación Monumental Mercado Municipal. 

Corenta artistas e moitas actividades   

O proxecto inclúe, ademais da exposición e venda, obradoiros de pintura, gravado, poesía, máscaras, concurso de fotografía sobre o mercado ou mesas redondas, performances, teatro, música e distintas actividades. Esta quinta feira desenvólvese o Día do Gravado con obradoiros a cargo de Luísa Paz Montenegro e a creación e impresión de obras ademais da actuación do grupo “A volta do agro”. Para a sexta feira, día 29, o Día da Pintura ofrecerá un obradoiro para todas as idades en distintos horarios impartido por Juan Pablo Mastroianni. Para o sábado día 30 está prevista a celebración do Día da Poesía e o Día do Teatro , cun obradoiro de poesía visual para lugo2todos os públicos por Luz Darriba, a actuación do grupo Pinchacarneiro coa súa obra “Os perseguidores de soños” para seguir o espectáculo de Chiruca e Paul Baker “Témolas Frescas!”.

Nesta semana, as obras intégranse no mercado a través da intervención dos e as artistas nos postos e nos diferentes espazos.  As participantes no “Mercado da arte” do mundo da creación en distintas disciplinas son: Dulce Anca, Maribel Aguilar, Nuria Barrio, Alfredo Bongianni, Quique Bordell, Alfonso Castro, Ana Costas, Luz Darriba, Honorio, Julio Leira Sanmartin, Jose Lemur, Germán Limeres, Federico Lojo, Juan José Lomarti, Ignacio López, Noemí López, Juan Pablo Mastroiani, Quique Muruáis, Estefanía Novo, Alfonso Otero Regal, Renata Otero, Ánxela Pardo, Alejandro Pardo, Cristina Mejías Bamio, Luisa Paz Montenegro, Giovana Pereira, Paco Pestana, Xabier Quijada, Baldo Ramos, Xermán Refojo, Viky Rivadulla, Daniel Sanmartin Anca, Peter Schneider, Isabel Somoza, Fernando Tomé, Lola Tourón, Eduardo Valiña, Juan Vila, Helena Villar Janeiro, Zalo. 

Comentarios