Cando a comisaria é unha artista

Sobre seguro, mais sorprendendo. O Museo interactivo de historia de Lugo ponse a andar cunha exposición de arte contemporánea cunha artista como comisaria. O resultado é unha exposición que aposta por construír un catálogo das “preferencias” dos últimos trinta anos.
Mónica Alonso
photo_camera Mónica Alonso

“A Obra Elixida” é o título da exposición de arte galega dos últimos trinta anos que abriu o Museo interactivo de historia de Lugo e que se poderá visitar até o 15 de febreiro de 2013. O centro de historia acolle unha mostra de arte contemporánea e pon como comisaria unha das máis destacadas creadoras dos nosos tempos. A artista Mónica Alonso ocupa desta volta o lugar de comisaria para se poñer á par d@s artistas, para seleccionar os seus nomes e pedir que sexan quen elixan a obra que será exposta, a preferida da súa traxectoria.

O resultado é unha aposta sobre seguro. Un feixe de nomes que ocupan os primeiros postos no panorama artístico contemporáneo e unha selección de obras que identifican plenamente a autoría. O máis Leiro, a máis Pamen Pereira, claramente Menchu Lamas, identificada Carme Nogueira e inconfundíbel Vicente Blanco. Jorge Barbi, Manuel Vilariño, Xoán Anleo, Jesús Otero-Yglesias, Antonio Murado, Salvdor Cidrás, Rubén Santiago, Félix González, Amaya González ou Mar Vicente, están tamén nesta “indiscutíbel” nómina que vén da man da artista Mónica Alonso.

A comisaria deixou de lado a diferenza xeracional para crear un mosaico de nomes que están a falar na arte contemporánea, dándolle entrada de forma singular aos que teñen na cidade de Lugo o seu lugar de orixe como Antonio Murado, Jesús Otero-Yglesias e Mar Vicente, ou que a tomaron en adopción como Vicente Blanco e Salvador Cidrás, ou mesmo que está como referente na súa traxectoria, nos nomes de Félix Fernández e Rubén Santigo.

“Cada artista convidado nesta exposición debe elixir unha obra da súa autoría e dicirnos o porqué da súa elección. Os motivos da escolla resultaron moi variados: a obra que marcou a miña traxectoria artística, unha vinculada cun acontecemento persoal destacado, unha das mellores obras, a preferida, a última obra realizada, a revisión actual dunha anterior, unha obra concedida para o espazo da exposición... A proposta de elixir quere darlles voz aos artistas, que sexan eles os que escollan a obra con que queren reencontrarse, que manifesten a súa preferencia e a compartan co espectador” explica Mónica Alonso ao respecto da filosofía da exposición que recolle 16 obras seleccionadas por quen as creou".

Comentarios