As cancións íntimas de Antilia

antilia (1)
photo_camera Antilia

Segundo os propios Antilia declaran, “este disco naceu da necesidade de facervos chegar os nosos universos sonoros. Cancións que xermolaron neste inverno e que floreceron nesta primavera”. Así pois, Norte e Sur é o primeiro traballo de Antilia (da actriz e cantante María Costas e do guitarrista José Churruca) que ofrece, ademais dunha curiosa e interesante portada da man de Carlos Maño, un mollo de cancións íntimas, persoais, con letras delicadas e melodías doces, arroupadas cunha sorte de contraste entre a suave, envolvente e preciosa voz de María e os arranxos, ás veces inclusive cun toquiño rockeiro, de José Churruca. Completan a banda o contrabaixista Pablo Vidal e o baterista Noli Torres. Ademais, para o disco contaron con colaboracións de luxo como Uxía (voz), Pablo Novoa (guitarra) ou Carlos Castro (percusións). 

Destaco as pezas “Norte e Sur”, “Ás veces” e, sobre todo, “Lola”, que ademais de ter unha melodía bonitísima, fala dunha muller feita a si mesma que naceu nun entorno nada privilexiado. Podedes conseguir o disco en www.regalamusica.es. 

“Non puido ninguén no mundo facela sentirse soa, nin borrar o seu sorriso, tiña o ceo e a terra toda. O aceite das conservas, como rústica cosmética, deulle mans de señorita, disfrazaba a súa pobreza”.

Comentarios