Esta terza feira, 27 de marzo

Cancións infantís e poesía de vangarda en Bueu

Bueu saúda con cultura o Día Mundial do Teatro. Na súa acepción máis extensa, sempre en relación coas letras: do cancioneiro infantil de tradición oral á poesía de vangarda. Esta terza feira, 27 de marzo, e dentro do ciclo Bueu Espazo para a Cultura -organizado polo concello coa colaboración da Deputación de Pontevedra- ofrece a representación de As historias do avó Manuel e mais un recital a partir de Manuel Antonio.
 

bueu
photo_camera Panorámica de Bueu.

As historias do avó Manuel ensarilla cancións, historias e ditos infantís de orixe popular e oral na historia da relación entre unha cativa e o seu avó. A compañía Migallas Teatro levarao ás táboas do Centro Social de Bueu ás 12 da mañá.

De serán, a poesía ocupará o mesmo escenario. A Travesía poética por De catro a catro xuntará, ás oito, as poetas naturais da vila morracense Miriam Ferradáns (1982) e Lucía Novas (1979) e mais Daniel Costas (Moaña, 1981). A escusa é o título emblemático da lietratura vangardista galega, De catro a catro (1928), de Manuel Antonio. Como fin de festa haberá micro aberto para quen queira amosar a súa habelencia cos versos.

Comentarios