Cancélase a Feira Franca ante o incremento de casos de coronavirus

Prevista para a primeira fin de semana de setembro, ante a situación actual decidiuse non celebrar a Feira Franca.
Feira Franca
photo_camera Feira Franca

Ante o incremento de casos de coronavirus na Galiza, o concello de Pontevedra anunciou onte pola mañá a decisión de suspender a tradicional Feira Franca, prevista para a primeira fin de semana do mes de setembro.

A concelleira de festas, Carme da Silva, sinalou que ante o desenvolvemento da pandemia sería "irresponsábel" manter a celebración do evento, que xa estaba proposta cun acondicionamento especial para respectar as medidas de seguridade para evitar o contaxio da Covid-19.

Neste senso, prescindíase do espectáculo inaugural da sexta feira anterior, así como do desfile do transporte do viño o sábado polo casco antigo, que reunían centos de persoas.

O concello xa anunciara hai uns días a cancelación de varias actividades vencelladas. Só se contemplaba a decoración do casco histórico, pero sen colocar as tradicionais portas que recrean as entradas á cidade.

Ademais, tampouco terán lugar as tradicionais comidas e ceas nas rúas e prazas da cidade, que en edicións anteriores reunían preto de 400 mesas.

Comentarios