O campo de concentración de Betanzos

Semella que non existiron pero foron o inferno na terra para milleiros de presos políticos. Malia a avultada rede de campos de concentración operativos na Galiza do primeiro franquismo, a súa existencia é descoñecida para a maioría da poboación galega, convencida, as máis das veces, de que instalacións deste tipo eran privativas da Alemaña nazi ou da Italia fascista. Eis un estrato da peza publicada no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza
f8_CamposTerror
photo_camera Campo de concentración de Betanzos (Cedida)

m8_CamposTerrorOs campos de concentración, unha modalidade de reclusión posta en marcha, por primeira vez, polos españois na illa de Cuba durante as loitas que precederon a súa independencia e que, posteriormente, serían exportadas por outras potencias europeas ás súas posesións coloniais, poboaron a paisaxe galega durante practicamente sete anos. Andes, Ortigueira e Arnao nas Terras do Eo‑Navia, Ribadeo, Cedeira, Ferrol, Muros, A Coruña, Compostela, A Pobra, Rianxo, Padrón, Figueirido, San Simón, Oia, Camposancos ou Celanova son algunhas das localidades galegas onde o franquismo instalou estes centros de reclusión. A súa posta en funcionamento respondeu ás necesidades de espazos onde recluír os opositores políticos, derivados da lóxica represiva instaurada polo franquismo e da propia evolución do conflito bélico no Estado, moi particularmente tras a caída da fronte norte e a posterior derrota definitiva do exército popular. A finalidade última dos campos de concentración vincúlase a un plan preconcibido polos militares fascistas, destinados a sementar o terror e eliminar o adversario político.

O campo de concentración da Magdalena

O campo de concentración de Betanzos situouse nunha antiga fábrica de curtidos localizada no barrio da Magdalena, empregándose, tamén, durante algún tempo como centro de detención unha gran finca propiedade da familia Naveira, a carón do parque do Pasatempo. A factoría de curtidos, fundada por Marcelino Echeverría na Magdalena, á volta de 1837, foi unha das máis importantes existentes dunha cidade na que chegaron a funcionar até unha ducia delas, significándose como un dos centros de produción máis destacados da Galiza, tal e como certificaron durante décadas as propias instalacións, todo un exemplo de arquitectura industrial e do que hoxe só fica a cheminea de ladrillo. A actividade cesou arredor de 1920, coincidindo coa crise que seguiu ao remate da Grande Guerra, ficando o inmóbel nun estado de abandono e iniciándose un proceso de deterioro progresivo das edificacións, até o punto de atoparse “nun estado pésimo” e non ser recomendado o seu uso polas propias autoridades militares no momento da entrada de funcionamento do centro de detención.

A finalidade última dos campos de concentración vincúlase a un plan dos fascistas destinados a sementar o terror 

Unhas instalacións “nun estado pésimo”

O campo de concentración de Betanzos, cunha capacidade para dúas mil persoas, permaneceu aberto desde agosto de 1937 até maio de 1939. A súa apertura está directamente ligada á caída da fronte norte e á necesidade de confinar soldados do exército popular de orixe vasca e asturiana, se ben nunha segunda etapa, fundamentalmente tras a ocupación fascista de Catalunya, os prisioneiros son maioritariamente desa procedencia. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios