Unha campaña reclama que a colección de arte NGB sexa declarada BIC e trasladada á Cidade da Cultura

A través dunha plataforma dixital de recollida de apoios, máis de cincocentas persoas asinaron a petición para que a colección de arte de Nova Galicia Banco sexa declarada Ben de Interese Cultural e trasladada á cidade da Cultura. 

Fundación Caixa Galicia
photo_camera Fundación Caixa Galicia

A plataforma change acolle a campaña para solicitarlle ao presidente da Xunta que a obra artística de Caixa Galicia e Caixa Nova, tanto das súas entidades financeiras ou das propias fundacións, “sexa declarada Ben de Interese Cultural e trasladada á Cidade da Cultura. Na solicitude recóllese que as entidades financeiras posúen case 6.000 obras de arte, cun valor estimado de 116 millóns de euros, investidos na súa maior parte en obra galega do século XX. 

“Estas obras perténcenlle ao Pobo Galego, forman parte do noso Patrimonio” di a petición que contempla a posibilidade da venda de NGB a inversores americanos co cal as obras poden marchar lonxe do país “ou ser vendidas a particulares, acabando en lugares insospeitados”. 

“Declaralas Ben de Interese Cultural e trasladadas á Cidade da Cultura de Galicia, alén de rescatar para os galegos esa colección, danlle un contido á Cidade da Cultura, esa construción megalómana que tantos cartos nos custou e á que elle hai que sacar partido” di o convite para sumar sinaturas á proposta que se materializa nunha carta ao propio presidente da Xunta. 

O arquitecto e urbanista Carlos Henrique Fernández Coto é o promotor da iniciativa que sube xa das cincocentas sinaturas. Arquitecto da Área de Rehabilitación Integral de Rianxo, Fernández Coto presentou, xunto co escultor López Noya, o proxecto dunha pasarela para comunicar o centro de Santiago coa Cidade da Cultura a pé. 

Xa na Comisión Parlamentaria

A petición de declaración BIC da obra artística de NGB púxose de manifesto xa na comisión parlamentaria de investigación das Caixas nas que se manifestou o temor polo destino do patrimonio cultural de Caixa Galicia, adquirido pola propia entidade financeira e non pola Fundación, como no caso de Caixanova. 

Despois da bancarización, a obra artística de Caixa Galicia queda en mans de Novagalicia Banco e o seu destino depende da decisión que o FROB sobre a súa venda. 

Os fondos artísticos de Caixa Galicia están compostos por unha das máis importantes coleccións de obra galega, con pezas de relevante valor de Castelao, Laxeiro, Maruja Mallo, Colmeiro, Leopoldo Nóvoa, Tino Grandío, Luís Seoane, Lamazares ou Leiro ademais de unha mostra de arte contemporánea internacional que vai de Picasso, a  José P. Croft, Sean Scully, Manolo Millares ou Manolo Valdés. Arredor de 1500 obras de 170 artistas para os que a entidade destinara o edificio inaugurado en 2006 na Coruña no que, canda os nomes que pasaron xa á historia da arte se foron engadindo unha selección da nova creación galega. 

O director xerente da Obra Social de Novacaixagalicia recoñeceu entón no Parlamento que despois da fusión das caixas, só a colección de arte de Caixanova entrou a depender da entidade, quedando a de Caixa Galicia supeditada ao destino de Novagalicia Banco, a súa propietaria formal. “Córrese o risco de que si o banco se vende iso desapareza” sinalou Pedro Otero. O peor dos horizontes debuxaríase no caso de que un fondo de inversión adquira o capital da entidade financeira e podan atopar na colección de arte un ámbito para a especulación co fin de conseguir importantes fondos. 
Foi no debate parlamentar cando agromaron diversas fórmulas co fin de que se garanta a permanencia da colección de arte en territorio galego. O que fora director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias, alertou do prexuízo que para o país tería prescindir da colección de arte da entidade. Co fin de impedilo puxo xa entón sobre a mesa a posibilidade de declarar a colección como Ben de Interese Cultural, e, polo tanto, cun nivel de protección que impediría a súa fuga fóra do país, petición que agora se fai desde a rede.

Comentarios