Campaña para preservar a programación escénica nos concellos

Escena Galega e a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) avogan polo mantemento da actividade cultural na Galiza malia a Covid-19.
Teatro Principal de Ourense.
photo_camera Teatro Principal de Ourense. (Foto: Nós Diario)

Baixo a consigna “A cultura é segura, non nos canceles” Escena Galega e a Federación galega de municipios e provincias avogan polo mantemento da programación escénica nos concellos galegos. A pandemia da Covid está a bater forte no conxunto do sector cultural e as artes escénicas non son alleas a esa realidade.

Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) quer preservar a programación de teatro, danza, novo circo e monicreques nos espazos escénicos das cidades e vilas galegas. 

Ao longo das últimas semanas estase a dar un gran número de suspensións e adiamentos que as súas compañías asociadas están a soportar e incide en que estas cancelacións non responden ao marco legal vixente arestora, entanto que as medidas aprobadas pola Xunta -que entraron en vigor o pasado 7 de novembro- permiten a realización de funcións en teatros e auditorios cumprindo as restricións de capacidade. 

A campaña conta co respaldo da Federación Galega de Principios e Provincias (Fegamp), que coincide en que o mantemento da programación cultural non só axuda a este sector cultural, senón ao conxunto da sociedade.

Escena Galega fai un chamamento ao mantemento da programación escénica artellada para o presente semestre, e lembra que teatros e auditorios son seguros grazas aos protocolos hixiénicosanitarios das organizacións responsábeis, así coma os adoptados polo propio sector profesional. 

“Desde o comezo da desescalada non se ten detectado ningún gromo no desenvolvemento de espectáculos na comunidade galega e, sen deixar de ser conscientes da problemática da situación actual, as dúas entidades queremos pór en valor o labor de todos os profesionais para a implementación de protocolos hixiénico-sanitarios que garantan a seguridade”, sinalan.

“Impacto”

O impacto da pandemia da Covid-19 na industria cultural galega é preocupante. Mídeuno a respecto da primeira vaga da Covid o Consello da Cultura Galega (CCG) nun informe, onde se recollía que 49% das empresas culturais galegas tivo que cesar a súa actividade a causa do estado de alarma ás que se lle engadiu un 5% que tamén tiveron que facelo por razóns técnicas e operativas. No sector das artes escénicas e musicais, esta cifra incrementouse até 82,4%.

Máis de 300 empresas dun universo total de 1318, distribuidas nos diferentes ámbitos temáticos da cultura, participaron no informe.

Comentarios