Xermolos pon a andar unha campaña para recuperar a casa de Díaz Castro

A familia de Díaz Castro legou a Xermolos a súa casa natal, e agora esta asociación creou a plataforma Salvemos a Casa de Díaz Castro, que vén de poñer en marcha unha campaña que chama á solidariedade colectiva para recuperala da ruína e convertela na "Casa da Xente". 

casa-diazcastro
photo_camera Estado actual da casa de Díaz Castro no Vilariño (Guitiriz) [Imaxe: Xermolos]

Esta casa, situada na aldea do Vilariño (parroquia dos Vilares en Guitiriz) xa estaba en ruínas cando aínda vivía o propio Xosé María Díaz Castro (1914-1990). "Tanto el coma os seus irmáns cando viñan a Galiza xa ían para a vila, porque a casa xa estaba moi mal daquela", explica Alfonso Blanco, da asociación Xermolos.

E agora esta asociación, responsable entre outras moitas actividades do Festival de Pardiñas, vén de botar a andar unha iniciativa de micromecenado para financiar a actuación máis urxente na casa: a reconstrución do tellado. Para iso puxeron en marcha unha campaña de 'crowdfunding' cun obxectivo mínimo de máis de 24.000 euros e un ideal de case 45.000 euros. 

Xermolos pretende desenvolver un ambicioso proxecto en base a tres eixos: museo do escritor, espazo sociocultural e pousada de creadores

Até o momento levan acadado un 8%, 2.000 euros, e aínda fican 31 días para cumprir o obxectivo. E están a organizar actos de apoio por todo o país. O próximo será esta sexta feira -28 de abril- en Compostela, na República do Couto Mixto, onde haberá un concerto do grupo de pandereteiras Trepia, Falua e Leo e Arremecaghona, alén dun recital poético do grupo de poesía Nova Poesía Guitírica. Ademais, presentarase a plataforma Salvemos a Casa de Díaz Castro e unha exposición "Imaxes e palabras" do pintor e poeta chairego Anxo Lamas. 

Precisamente esta mostra de Lamas é "un reflexo do que queremos facer coa casa", indica Alfonso Blanco: "Son táboas que el sacou de casas en ruínas e que convertiu nunha obra de arte dedicada a escritores chairegos". 

O proxecto da Casa

Unha vez resolta a cuestión da cuberta, Xermolos pretende desenvolver un ambicioso proxecto en base a tres eixos: museo do escritor, espazo sociocultural e pousada de creadores. "Queremos que sexa un lugar onde poidamos demostrar que o rural ten futuro", sinala un Blanco que non rexeita un investimento público que os axude a levar adiante a tarefa. "Non queremos que sexa un museo máis, queremos que sexa unha casa que chame a reivindicar o rural, un espazo de encontro para a veciñanza, con biblioteca, aberta ás asociacións", explica o crego. 

O proxecto a Casa da Xente tamén inclúe unha parte de museo dedicado ao poeta, dado que tamén Xemolos legou a súa obra inédita, manuscritos, mobles e obxectos persoais. "A Terra Cha é unha patria poética. Os poetas humanizaron a súa paisaxe e queremos que todo iso teña reflexo na casa". 

Outro dos obxectivos é convertela en fogar "dos poetas dos ríos" e campo de traballo para actividades medioambientais e arrqueolóxicas, alén de "pousada de creadores, un espazo tranquilo para crear". A paisaxe préstase, remata. 
 

SALVEMOS A CASA DE DÍAZ CASTRO (SPOT 1) from Salvemos a Casa de Díaz Castro on Vimeo.

Comentarios