Unha campaña busca apoios para salvar do derrube a casa de Díaz Castro

Cando o ano Díaz Castro chega ao seu fin, unha campaña busca apoio social para recuperar a súa casa natal nos Vilares, en perigo de derrube. 

Casa de Díaz Castro
photo_camera Casa de Díaz Castro

A Asociación Cultural Xermolos bota a andar unha campaña na rede co fin de recadar apoio social e das distintas administracións para recuperar e impedir o derrube da casa natal de Díaz Castro, na aldea dos Vilares. 

Detrás da iniciativa está, de maneira directa,  Afonso Blanco, presidente de Xermolos e protagonista da recuperación da figura do poeta. “Do mesmo xeito que conseguimos que Díaz Castro fora valorado queremos recuperar o leito da súa obra e a súa vida”, anota. 

"A iniciativa busca sensibilizar ás administracións e á cidadanía para “devolver a casa ao pobo que lle pertence como espazo sociocultural”

Canda a memoria de Díaz Castro, a campaña busca recuperar o orgullo da aldea, loitar contra o abandono e o despoboamento arredor dunha aldea que Blanco define como “espazo marabilloso de arquitectura rural e paisaxe”.  A través dunha plataforma na rede de recollida de apoios, a iniciativa busca sensibilizar ás administracións e á cidadanía para “devolver a casa ao pobo que lle pertence como espazo sociocultural”. Desde Xermolos teñen como obxectivo convertela tamén en arquivo dos manuscritos e libros que o poeta legou ademais dun centro de interpretación e lectura da paisaxe chairega. 

“O Vilariño é un espazo enriquecido coa fauna e flora e ideal para descubrir a Terra Chá, o que se chamou Patria Poética”, explica Afonso Blanco que conta darlle especial relevancia ao río, metáfora na obra de Díaz Castro e unha constante na literatura chairega. 

O tempo vai en contra e urxe a intensificar a campaña xa que o estado de deterioro da casa é grande. “Aínda que os devanceiros construíran a casa con solidez comeza a chover polas paredes e vaise destruíndo. Temos un arquitecto que se ofreceu a facer un proxecto e carpinteiros e obreiros que tamén queren contribuír”, sinala Blanco que confía, da mesma maneira que conseguiron o recoñecemento de Díaz Castro, recuperar a casa para a veciñanza. “Queremos crear conciencia e loitar polo noso patrimonio, polo que ergueu os nosos devanceiros e temos que transmitir aos rapaces de agora”, engade. 

"Reclama comezar “de xeito urxente” as obras que impidan o derrubamento da casa situada nos Vilares, concello de Guitiriz".

A campaña “Salvemos a casa de Díaz Castro!” sumou xa máis de catrocentos apoios na rede. Reclama comezar “de xeito urxente” as obras que impidan o derrubamento da casa situada nos Vilares, concello de Guitiriz. “Constitúe un notable exemplo de arquitectura labrega, polo cal mistura o valor patrimonial co simbolismo de ser o lugar onde se atopa a xenealoxía emocional de Nimbos”, dise con respecto á construción tradicional na que naceu o poeta. 

Entre as persoas asinantes atópase Armando Requeixo, investigador da obra e a vida do poeta, que defende que a casa “é un patrimonio cultural e literario que debería conservarse”, David Otero que afirma que “onde pisamos está o pobo... onde nos quentamos ao lume está a identidade” ou a valoración de Miro Vilar que fala do “patrimonio cultural de Noso”. 

Comentarios