'Os Camiños de Laxeiro', tres rutas en homenaxe ao pintor do Deza

O arqueólogo Felipe Senén López Gómez será o encargado de realizar os días 7, 21 e 28 de maio unha serie de percorridos polos lugares que tiveron importancia na vida de Laxeiro. Así, visitarase Lalín, Vigo e Pontevedra.

Vista da exposición sobre Laxeiro en Lalín (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vista da exposición sobre Laxeiro en Lalín (Foto: Nós Diario).

A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega das Artes uniranse para homenaxear ao pintor José Otero Abeledo, Laxeiro, cun conxunto de rutas guiadas que se realizarán os días 7, 21 e 28 de maio, da man do historiador, arqueólogo e escritor Felipe Senén López Gómez.

As rutas, tituladas 'Os Camiños de Laxeiro', que contan con 25 prazas cada unha, comezarán ás 11 horas, e as persoas interesadas poden anotarse no correo electrónico [email protected].

O percorrido, a pé, durará unhas dúas horas e media, e permite coñecer os lugares que inspiraron ao artista.

A primeira das rutas será en Lalín e leva por título 'O Deza de Laxeiro: A Romea', con saída desde o museo municipal Ramón María Aller, percorrerá os lugares relacionados coa súa orixe, a súa casa, a súa familia, os seus veciños, a súa escola ou o bosque de Catasós.

En Vigo, haberá unha ruta do 21 de maio para dar a coñecer 'O Vigo de Laxeiro', no que estivo o seu taller de rúa Príncipe, onde frecuentaba tabernas e faladoiros, e onde as persoas participantes poderán coñecer parte da súa obra, exposta na fundación que leva o seu nome.

Por último, o 28 de maio a ruta 'A Boa vila nos Camiños' terá lugar en Pontevedra, onde se mostrará a faceta máis intelectual desta cidade tan querida polo pintor, e onde poden verse os seus murais no Café Moderno e as súas obras no Museo de Pontevedra.

Comentarios