Camiñando polo canón do Mao

O canón do río Mao ofrécenos unha das paisaxes máis espectaculares da Galiza, chea de patrimonio natural e cultural.
Imaxe dunha das páxinas duplas do caderno Gozar desta semana. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe dunha das páxinas duplas do caderno Gozar desta semana. (Foto: Nós Diario)

O río Mao é un dos máis importantes da Terra de Caldelas. Nace na serra de San Mamede, e percorre Montederramo, Parada de Sil e A Teixeira até morrer no río Sil á altura de Barxacova. Entrado en Montederramo, o Mao discorre á beira do mosteiro de Montederramo, convento medieval, primeiro beneditino e logo da orde do Císter, fundado posibelmente no século X e catalogado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1959. 

Continúa a súa viaxe pola penechaira caldelá pasando á altura de Vilariño Frío, onde está o encoro de Leboreiro, construído en 1949.

Cóntanos o escritor e cronista Olegario Sotelo Blanco, na súa obra Antropoloxía Cultural de Terra de Caldelas, que nese lugar "nos anos vinte [do século pasado] facíase unha festa na ponte de Vilariño Frío, sobre o río Mao, que consistía en pescar as troitas á man e logo fritilas con touciño nunha lousa, que era como os gastrónomos da comarca dicían que se preparaban mellor".

E é a partir dese encalco, o de Leboreiro, cando o río Mao comeza a fluír encaixado en cantís, entre os montes.

Partimos onde nace a luz

Comezamos o noso itinerario de hoxe na ‘fábrica da luz’, na actualidade albergue, cantina e centro de formación. Esta fábrica debe o seu poético nome a que naceu como central hidroeléctrica. 

En 1914 a empresa La Gallega levantou La Escalada, unha das primeiras instalacións edificadas na Galiza para aproveitar a enerxía da auga e producir electricidade. Xunto coa central, a empresa construíu unha canle, a ‘canle vella’, pola que discorre parte do roteiro do Mao.

A auga que levaba ese canal ía parar á ‘fábrica da luz’, onde estaban as turbinas que xeraban a electricidade que subministraba a Monforte de Lemos, Ourense e a moitas das aldeas da Ribeira Sacra. 

Se queres seguir a descubrir os segredos que garda o canón do río Mao podes facelo no caderno 'Gozar' que sae publicado mañá co teu Nós Diario. Estará dispoñíbel nos quiosques, librarías e na nosa tenda para a súa lectura na nube. Se queres asegurarte de que sempre chegas a tempo de mercar o xornal, o mellor é que fagas xa a subscrición!

Comentarios