Nova app que visa a cambiar a relación coas lectoras e os lectores

Camilo Franco constrúe un piso para subverter as convencións literarias

Afirma que é unha "nova versión do libro de peto", pero hai algo máis: Piso Franco, a app persoal que acaba de lanzar o xornalista e escritor Camilo Franco, adapta a escrita aos cambios que a tecnoloxía imprime ao consumo cultural.  Nun terreo aínda por consolidar, Franco apunta á hibridación entre xornalismo, opinión e literatura.
Camilo Franco (Foto: Moncho Fuentes)
photo_camera Camilo Franco (Foto: Moncho Fuentes)

Talvez afirmar que o mundo cambia cada vez a maior velocidade sexa unha apreciación enganosa, mais do que non cabe dúbida é de que o que si se transforma cada vez con máis celeridade son os hábitos de comportamento e consumo cultural. Como unha forma de lles facer fronte a estas mudanzas, o xornalista, escritor e crítico Camilo Franco vén de presentar unha aplicación persoal -Piso Franco, que xa se pode descargar para Android e para iPhone- na que irá publicando textos breves cada semana e na que xa se poden ler decenas de pezas literarias e xornalísticas. Un 25% dos contidos será gratuíto, e o resto, só ao alcance dos subscritores. Piso Franco é un proxecto novidoso -até onde se ten noticia é a primeira app persoal dun escritor- na que as lectoras e lectores poden "subscribirse a un autor". 

"A decisión ten a ver con cousas que fixen antes como literatura na web, ou no Facebook", explica Franco. "En certo modo é unha consecuencia de todo aquilo, creo que indispensábel estar aí. A literatura sempre cambiou coa introdución de novas tecnoloxías -desde o papiro até a radio, pasando pola imprenta- , e un teléfono móbil é un soporte tan bo para ela como calquera outro e, en función do que esperes, mesmo pode ser mellor. Creo que no futuro isto vai ser moito máis habitual do que é agora e que se non nos damos présa por ocupar ese terreo o que vai suceder é que o farán outros".

"Sempre confiei na literatura breve e na capacidade de adaptación que ten: creo que xa está demostrado que se acomoda case en calquera soporte e que, ademais, funciona. Non perde a súa capacidade de comunicación entre un autor e os lectores"

Precisamente por esa experiencia previa en proxectos similares, a intención de Franco é tamén levar até os seus límites ás convencións do xénero, ver de que maneira o soporte condiciona a escrita.

"En case todas as miñas experiencias anteriores o que mandaba era a literatura breve", afirma. "Sempre confiei na literatura breve e na capacidade de adaptación que ten: creo que xa está demostrado que se acomoda case en calquera soporte e que, ademais, funciona. Non perde a súa capacidade de comunicación entre un autor e os lectores. Como vai cambiar de aquí en diante? Pois iso é o que imos ver. O proceso está aberto e creo que veremos como vai cambiar a narrativa e como van facelo os xéneros".

A relación co público 

Entre esas experiencias anteriores de Camilo Franco está Por conto alleo, un proxecto que trataba de mudar as dinámicas entre autor e lectores, desenvolvido no desaparecido diario dixital Vieiros. Eses cambios tamén están no punto de mira deste proxecto, aínda que agora cunha ferramentas dixitais moito máis evolucionadas e predispostas ao diálogo directo. “Non hai unha editorial nin un libreiro de por medio, a relación é máis espontánea”, explica.

Daquela, o proceso de retroalimentación, de diálogo coas persoas lectoras adquirirá tamén un maior protagonismo. “Espero que si, o que non sei é de que forma. Eu espero que a xente propoña un determinado artigo, ou que suxira unha liña. E a partir de aí, veremos como é de estimulante para eles e para min a conversa e como inflúe na escrita. Non sei se para un escritor é máis cómoda a relación tal e como se dá até o de agora, sen ter que debater coas persoas que o seguen. Mais neste caso a proposta é transparente. E o diálogo que se dea, producirase nas redes, é dicir, á vista de todo o mundo".

Xa sei o que van dicir os académicos e os puristas, mais se ti reduces a literatura e o xornalismo aos seus fins básicos, resulta que son os mesmos: contarlle algo a alguén

Xornalismo e literatura, ou verdade e opinión

Piso Franco promete "opinión máis ou menos decorada con realidades ou viceversa, realidade máis ou menos decorada con opinión". Dada a enorme experiencia de Franco no xornalismo, haberá máis xornalismo que literatura ou en realidade son a mesma cousa? "Para min son a mesma cousa. Xa sei o que van dicir os académicos e os puristas, mais se ti reduces a literatura e o xornalismo aos seus fins básicos, resulta que son os mesmos: contarlle algo a alguén. Outra cousa é que logo haxa múltiples maneiras de facelo. Para min, a idea fundamental é que o xornalismo escrito e a literatura non se diferencian tanto: distínguense nas estratexias. Que as historias deban subordinarse a unha idea da realidade concreta ou non é unha cuestión de procedemento". 

Máis tamén aquí hai regras que merecen ser desafiadas. "É certo que hoxe os xornais traballan a partir dunha convención que eu vou descartar: a de que as noticias son verdade e as opinións son interpretacións subxectivas. Eu agora mesmo non teño a necesidade de traballar sobre esa convención e podo facer opinións reportaxeadas ou reportaxes opinativas. Mais vouno facer asumindo que son eu quen o fai. É mellor dicilo así, que facelo así e non dicilo, que é o que ocorre en moitos medios. Non prometo a verdade, porque non creo que ninguén poda prometela, mais prometo un punto de vista".

A expresión piso franco pode facer referencia a un lugar para salvagardar persoas ameazadas -unha testemuña protexida, por exemplo- ou para eludir a acción das autoridades. É case a mesma acepción pero a perspectiva cambia moito. Cando se lle pregunta a Camilo Franco de que lado se inclina, non dubida: "Dos dous. Quere ser un espazo protexido e íntimo máis tamén un lugar subversivo. Subversivo no sentido de que debe ser o que está por debaixo do verso, o que quere darlle a volta ás cousas. Hai demasiados discursos formais dos que ninguén se responsabiliza; hai demasiada literatura convencional na que se recoñece un código mais que non transforma nada. Creo que actitude correcta na contemporaneidade é afirmar unha cousa e, ao mesmo tempo, desconfiar desa afirmación. Polo menos se queres sobrevivir á tormenta".

Crítica teatral ma non troppo

Moitas persoas pregúntanse se Franco retomará o seu labor como crítico teatral desde esta app persoal. "Pois respecto da crítica teatral", responde, "vou actuar como Lola Flores: se o meu público o pide, fareina. Agora ben, a miña intención é ir nunha dirección coa que ninguén vai quedar contento: profundizar aínda máis nos elementos que me interesan da crítica. Por exemplo, analizar o modo en que as obras se relacionan co seu contexto social, ou cales son os elementos non teatrais que inciden na recepción dunha obra. Isto, dalgunha forma, xa o fixen e nunca foi moi ben recibido porque todo o mundo pensaba que era unha forma de escapar. Para min, porén, é a forma de ir ao teatro: se o teatro se produce só como un fenómeno artístico, igual xa non me interesa tanto".

Comentarios