Cambre rende homenaxe ao patriarca dos Seivane

Unha mesa redonda e recitais de música marcaron o evento deste sábado no que o Concello de Cambre rendeu homenaxe a Xosé Manuel Seivane, o patriarca da gaita na Galiza.
Homenaxe no Concello de Cambre a Xosé Manuel Seivane (Foto: Concello de Cambre).
photo_camera Homenaxe no Concello de Cambre a Xosé Manuel Seivane (Foto: Concello de Cambre).

O Concello de Cambre e a súa veciñanza rendeu onte homenaxe a Xosé Manuel Seivane (1921-2012) , referente na construción de gaitas e promotor deste instrumento na escena cultural galega, con motivo do centenario do seu nacemento

O patriarca do clan, que deixa tras de si un legado que aínda perdura a día de hoxe, foi o protagonista dun evento na súa localidade que incluíu a celebración dunha mesa redonda, recitais de música e a presentación de Dende o meu balcón, o último disco da gaiteira Susana Seivane.

O acto, que concluíu coa actuación do Grupo Tradicional Sementeira de Cambre, un dos grandes representantes da música da comarca das Mariñas, foi gravado pola televisión pública alemá NDR, e formará parte dun documental do programa “Mare”, sobre Galiza.

Unha familia dedicada á cultura e á música

Xosé Seivane deixou unha pegada imborrábel nas seguintes xeracións. Así, os recoñecidos artesáns Álvaro e Xosé Manuel Seivane tomaron o relevo do seu pai, acadando a excelencia na construción de gaitas e sendo artífices directos da evolución e mellora do instrumento.

A súa neta, Susana Seivane, célebre gaiteira e multi-instrumentista, é recoñecida internacionalmente polo seu virtuosismo e a súa exitosa carreira musical.

Igualmente destacable é o papel de Saínza Seivane ─irmá de Susana─, a única muller na Galiza que se dedica á construción de gaitas.

Comentarios