xoves 28/10/21
CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

O cambio de rumo dos suízos Eluveite

Este novo traballo dos suízos Eluveitie era do máis agardado e o que máis expectación xerou entre os seus seguidores. Os cambios operados na formación -após a marcha da súa icónica vocalista e zanfonista Anna Murphy, que na compaña do baterista Merlin Sutter e o guitarrista Ivo Henzi conformaron Cellar Darling- puñan en dúbida cal sería o futuro da banda.

Evocation II. Pantheon vén ser a continuación do disco que sacaron hai 8 anos baixo o título de Evocation I. The Arcane Dominion.  Isto tradúcese en que este novo traballo é totalmente acústico e fica convertido nun traballo de folk celta. Concebido dun xeito conceptual, está dedicado á mitoloxía celta, titulando as cancións baixo o nome dos deuses celtas. As letras están cantadas integramente en galo antigo e mesmo a grafía empregada do álbum. No que se refire aos temas, achamos un exceso de comercialidade nos mesmos, cunha execución exquisita, como non podería ser de outro xeito.

É posíbel que o feito de editar agora este traballo sexa un intento de Glanzmann, vocalista e líder da banda, de facer unha fenda na historia para indicar que comezan un novo camiño e facer menos traumática o cambio de membros. É curioso que a maioría dos cortes deste álbum sexan instrumentais e que as aparicións da nova vocalista, Fabienne Erni, malia ter un unha voz doce e melódica, fiquen na produción nun segundo plano, como se quixesen agochala e quitar importancia á marcha de Anna Murphy.  Fabienne fai un traballo vocal espectacular, que nada ten que envexar ao de Anna  e merece máis protagonismo do que ten. Sexa como fose, o certo é que este traballo non é nada do que se agardaba de Eluveitie.

Malia que o título indicaba unha continuación do álbum do 2009, Eluveitie é unha banda consagrada no folk metal mesturado co death metal melódico e agardábamos que algo dese pouso ficara neste traballo. Destacan especialmente dous temas Epona e Lvgvs, que foron os adiantos que xa escoitáramos. Como sinxelos perfectamente escollidos, son os dous temas máis fortes do disco,  que emerxen sobre unha continuidade de cancións que son de fácil escoita, pero que non chaman a atención como para lembralas. Dende unha óptica puramente folk, esquecendo a banda da que estamos a falar, é un disco correcto, que non sae fóa dos parámetros do xénero, pero sen grandes obras mestras.

Eluveitie traen un disco con 18 nomes de deuses celtas, pero sen ningún espírito. Un traballo co que a banda, máis que no Resurrection Fest, no que estiveron este ano, encaixaría perfectamente no Intercéltico  de Ortigueira. Un traballo que vai dividir nas súas apreciacións os seguidores da banda. O que teño claro é que se este é o novo camiño que queren seguir, é moi posíbel que cambien os compañeiros de viaxe.

VIDEO – ELUVEITIE – EPONA https://youtu.be/TkbadvaMuXo

ELUVEITIE NAS REDES

WEB: http://www.eluveitie.ch

FACEBOOK: http://www.facebook.com/eluveitie/

TWITTER: @eluveitie

LISTAXE DE TEMAS

1. Dureððu 

2. Epona 

3. Svcellos II (Sequel) 

4. Nantosvelta 

5. Tovtatis 

6. Lvgvs 

7. Grannos 

8. Cernvnnos 

9. Catvrix 

10. Artio 

11. Aventia 

12. Ogmios 

13. Esvs 

14. Antvmnos 

15. Tarvos II (Sequel)

16. Belenos 

17. Taranis 

18. Nemeto

comentarios