Camarada Nimoy: segundo asalto para o K.O

O grupo vigués presenta o seu novo traballo, 'Alucinacións acústicas', un paso máis nun proxecto instrumental que cada vez abre máis o foco a novas experiencias. Vídeo no interior.

Charenton, en Lavadores, será o escenario no que Camarada Nimoy presentará este sábado 12 de setembro o seu novo traballo, 'Alucinacións acústicas', o segundo asalto dos vigueses no 'round' da música galega. No 2013 editaron un LP en vinilo vermello homónimo autoproducido (hoxe totalmente esgotado) e agora presentan "oficialmente" en directo no Charenton o segundo ( esta vez vinilo laranxa) chamado "Alucinacións acústicas". Pódese escoitar no seu bandcamp (camaradanimoy.bandcamp.com) e tamén reservalo para súa compra.

Camarada Nimoy é un grupo de música instrumental na que viven e conviven gostos, goces e paixóns musicais diversas e diferentes que eles son quen de facer complementarias. Pop, lounge, rock, experimental, psicodelia... Como eles propios sinalan, é unha proposta instrumental “coa que intentan ter amplitude de miras dentro das súas posibilidades. Un cóctel sonoro que serven dun xeito sinxelo sen moitas pretensións acompañado sempre de proxeccións nos seus directos que convirten os seus temas en bandas sonoras das súas elucubracións visuais, fundindo todo en imaxes, en paisaxes sonoras”.

Comentarios