MÁIS

Unha Calzada para nadar

En Ponte Caldelas, na beira do río Verdugo.
A praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera A praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas. (Foto: Xunta da Galiza)

A Praia Fluvial da Calzada atópase na beira do río Verdugo, en Ponte Caldelas ( comarca de Pontevedra). Ten unha lonxitude de 250 metros e posúe unha presa de pedra. O arboredo da contorna está formado por  un conxunto de carballos, bidueiros e castiñeiros. Ademais da zona de baño, a praia fluvial conta con varios espazos de lecer, como unha cancha de volei-praia, tenis de mesa, merendeiros e diferentes aparellos de musculación.

En 2015, A Calzada foi a primeira praia fluvial do país en recibir o galardón de Bandeira Azul, outorgado cada ano pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac). A Bandeira Azul recoñécese en espazos de baño que cumpren cunha serie de características, como os bos resultados en análises periódicas para medir a calidade da auga. Ademais, esta praia fluvial leva máis de 20 anos mantendo o calificativo de "excelente", resultado das análises anuais feitas polo Programa de Vixilancia Sanitaria da Consellaría de Sanidade. A Calzada é, así, un referente na Galiza desde un punto de vista sanitario e medioambiental. 

Cada ano, o Concello de Ponte Caldelas encárgase de axeitar a zona e preparala para a tempada. Os labores de mantemento e limpeza son periódicos durante o verán, tanto na zona de baño como no mobiliario urbano. A praia é unha zona na que se adoita practicar a pesca deportiva. Conta tamén cun chiringo e un aparcadoiro amplo. 
A forma máis doada de chegar até esta paraxe é desde a localidade de Ponte Caldelas. O camiño comeza na ponte que  atravesa o río Verdugo e percorre 900 metros de paisaxes naturais á beira do río até chegar á Calzada. O acceso é completamente de balde e conta con zonas de baño para a cativada e incluso para animais. 

A contorna da Calzada está chea de diferentes sendeiros que parten e rematan nela. Hai diferentes roteiros a seguir, pero todos eles están empedrados e contan con muíños de auga, petos de ánimas e cruceiros agochados entre as árbores.

Os Pasos do Fraga, un camiño con historia

A dez minutos en coche da Calzada e aínda bañados polas augas do río Verdugo atópanse os Pasos da Fraga, no lugar do Portasouto, en Ponte Caldelas. Son unha forma tradicional de cruzar o río, empregada pola veciñanza e tamén o gando. 

Posúen certa forma triangular para que as augas do río pasen sen problemas en tempada de altas choivas. 

Os sendeiros azuis en Ponte Caldelas

Estes camiños tratan de pór en valor os espazos naturais que están próximos a unha praia co recoñecemento de Bandeira Azul. A praia fluvial das Calzada tamén ten o seu. O roteiro está sinalado con franxas azuis e brancas. Comeza na vila de Ponte Caldelas, perto do antigo Balneario, e pasa pola ponte de madeira. Segue até a fábrica de luz, que orixinou  este camiño, e non moi lonxe está o monumento en homenaxe ao pescador. Tamén pasa pola praia da Calzada e continúa até diferentes puntos como os pasos de Porto de Abaixo e os do Portasouto. O percorrido é de 10 km en total, ida e volta. 

O pescador de cana

Trátase dun monumento na honra do pescador. Unha profesión que tanto recoñecemento lle deu á vila de Ponte Caldelas. Foi inaugurado en 2006 durante edición dese ano da Festa da Troita. 

A escultura é a figura dun pescador no momento de exercer o seu labor cunha cana. Foi obra do artista Carlos Tesouro.

Comentarios