A inicativa da fundación esténdese

O Caldo de Gloria de Rosalía chega máis alá

“Fixen un caldo de groria / que me soupo que la mar; / fixen un bolo do pote / que era cousa de envidiar”, escribiu Rosalía de Castro en Miña casiña, meu lar. Estes versos serviron á fundación da poeta para, hai dous anos, lanzar a iniciativa Caldo de Gloria, que involucra locais de hostalaría de todo o país e algúns concellos nunha celebración da “épica diaria da supervivencia”.
 

rosalia

O acto consiste en que, seguindo as instrucións da poeta, restaurantes e bares de Padrón e doutros lugares de Galiza prepararán “un caldo humilde”: “E na miña horta pequena / unhas coles fun catar. / Con un pouco de unto vello / que o ben soupen aforrar, / e ca fariñina munda, / xa tiña para cear”. Ofrecerano como tapa. E colexios incorporarano ao menú.

A escritora Ledicia Costas (Vigo, 1979) encargarase de cociñar o Caldo de Gloria na Fundación Rosalía de Castro, desde a que se faga “por todo o país, nas casas e nos restaurantes”.

Ese mesmo 24 de febreiro, a 182 anos do nacemento da autora de Follas Novas, e coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos, decorrerá a Alborada para Rosalía de Castro. “Facemos un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galiza”, di a agrupación e mais a fundación, “para dar unha alborada de gloria na honra da poeta, ao igual que se fixo en 2013”. Aquel ano conmemoráronse 150 anos de Cantares Gallegos coa participación de máis de 70 grupos de música tradicional.

A maiores, os actos da Fundación Rosalía para a efeméride incluirán unha primeira alborada na Praza de Vigo de Compostela ás 11.00 da mañá. Media hora máis tarde, na estatua dedicada á escritora na Alameda iniciarase a marcha cara ao Hostal dos Reis Católicos, onde se fará a ofrenda na pía, intervirán representantes das institucións, tocará Canto d'Aquí e finalizará coa Alborada de Rosalía.

Xa na Casa da Matanza, en Padrón, o Día de Rosalía rematará ás 17.00 horas de novo coa música de Canto d'Aquí e cun Caldo de Gloria aberto ao público despois das 19.00 do serán.

Comentarios