‘Caldo de Gloria’ para conmemorar o 180º aniversario de Rosalía 

A Fundación Rosalía propón facer un 'Caldo de Gloria' o Día de Rosalía, inspirado no poema 'Miña casiña, meu lar'. Todo Padrón se sumará á proposta, que queren facer extensiva a todo o país. Todo isto e máis para o 24F.

DSC_2591
photo_camera Anxo Angueira e Merchi Rodal (do programa Larpeiros da TVG) esta mañá na Casa-Museo.

O vindeiro 24 de febreiro cúmprense 180 anos do nacemento dunha das voces máis grande da Galiza: a de Rosalía de Castro. É por iso que todo Padrón vai celebrar o Día de Rosalía coa preparación dun ‘Caldo de Gloria’, iniciativa inspirada no poema ‘Miña casiña, meu lar’, onde a autora explica como facer un caldo e relata a épica diaria da supervivencia.

A Fundación Rosalía de Castro vén de presentar a programación prevista para este día e convida a todo o país a facer o seu propio ‘Caldo da Gloria’ nas súas casas e nos restaurantes, e que o acompañen coa lectura dos poemas da escritora. Benigno Campos e Merchi Rodal (do programa ‘Larpeiros’ da TVG) serán os encargados de preparar o caldo na lareira da Casa-Museo, que tamén se poderá desgustar en toda a hostalería de Padrón. 

O caldo rosaliano 

No poema ‘Miña casiña, meu lar’ de Follas Novas, unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. A muller, que vén de Compostela a Padrón, chega á casa mollada e esfameada e, malia as pésimas condicións, consegue facer un humilde caldo de gloria e un bolo de pote. Detrás do alimento está a ensinanza de como o ser humano é quen de sobrevivir e ser feliz con tan pouco.  

Actos

O día 21 de febreiro a Fundación  Rosalía de Castro participará, en Braga, na terceira Semana Cultural ‘Convergências Portugal-Galiza’. Dous días despois terá lugar, en Rianxo, a presentación do primeiro número de ‘Follas Novas’, a nova revista de estudos rosalianos. 

O día do nacemento de Rosalía farase unha homenaxe na estatua da Alameda, en Compostela. Despois está programado un acto no Hostal dos Reis Católicos, lugar no que se bautizou a poeta hai 180 anos. Os grupos Carapaus e Ialma acompañarán a celebración con actuacións musicais. 

En Padrón, diante da estatua de Rosalía no Espolón, farase unha lectura dos poemas por parte das e dos escolares, seguida dun percorrido polas rúas de Padrón, onde se poderá desgustar o ‘Caldo de Gloria’. Á tarde, a partir das 19:00h, proxectarase a curtametraxe ‘Unha muller que pasa – Silencio’, de Paco Gallego e Xosé Bociña, gañadora das Curtas para Rosalía de 2016. A continuación, a agrupación galego-belga de pandereteiras Ialma ofrecerá un concerto.