A Vicepresidencia da Deputación de Lugo inicia a recuperación dos restos do castelo

Caldaloba, testemuña da Historia galega

Un monumento de gran valor arqueolóxico e histórico e cun potente simbolismo para a historia da Galiza agoniza a piques de se derrubar. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo dá o primeiro paso para a protección, recuperación e posta en valor da Torre 
de Caldaloba, en Cospeito.
Maite Ferreiro (diante), con representantes de asociacións culturais, esta semana, xunto á Torre de Caldaloba.
photo_camera Maite Ferreiro (diante), con representantes de asociacións culturais, esta semana, xunto á Torre de Caldaloba.

O que resta do castelo de Vilaxoán, na parroquia de Pino, no concello de Cospeito, é a torre da homenaxe: a coñecida como torre de Caldaloba, erguida sobre o outeiro de Coto de Mato, data do século XIV e, malia ser considerada Ben de Interese Cultural (BIC) desde 1994, sofre as inclemencias do tempo e da desidia das autoridades: persoas expertas en patrimonio e colectivos culturais levan anos advertindo da deterioración da estrutura e reclamando a titularidade pública da edificación sen ningunha resposta por parte da Xunta da Galiza, á que lle corresponde a protección do patrimonio. 

Esta semana, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo deu un paso adiante na protección da Torre de Caldaloba, anunciando a compra dunha das parcelas nas que se localiza a construción, co obxectivo de incorporala ao patrimonio público e de desenvolver un proxecto de recuperación e posta en valor desta construción de grande interese histórico e simbólico. 

Porque a Torre de Caldaloba xogou, un papel de gran simbolismo na historia medieval da Galiza. Despois da decapitación do Mariscal Pardo de Cela, a 17 de decembro de 1483, despois dunha longa resistencia fronte aos mandados dos Reis Católicos, a súa dona, Isabel de Castro, e a súa filla Constanza de Castro, refuxiáronse  nesta fortificación emprendendo toda unha serie de accións legais para recuperar os bens dos que foran desposuídas. 

Xunto co home de Constanza, Fernán Ares de Saavedra, mantiveron a loita do Mariscal e resistiron en Caldaloba o asedio das tropas castelás, ás ordes de Diego López de Haro, enviadas polos Reis Católicos na súa operación de "doma e castración do Reino da Galiza". O exército castelán cegou os mananciais que abastecían o castelo e os sitiados víronse obrigados a beber auga contaminada dun alxibe. Constanza faleceu e Fernán Ares foi ferido por un disparo de trabuco. El e os seus homes serían axustizados de non mediar Diego de Andrade. Como outros nobres galegos, salvou a vida a cambio de ir loitar contra os musulmáns en Málaga. 

Posteriormente, o castelo foi atacado e danado polos Irmandiños e sábese que, polo menos desde 1775, vendíase a pedra das súas ruínas. 

"É unha historia que canto mellor coñecemos, maior interese esperta", explica Maite Ferreiro en conversa con Nós Diario. "Ten unha enorme relevancia para o coñecemento da historia do Antigo Reino da Galiza". 

Mais todo ese expediente histórico, simbólico e arqueolóxico non lle valeu á Torre de Caldaloba para merecer unha protección que a salvase da ruína. Entre os anos 1998 e 2000, a Xunta de Galiza fixo unha consolidación parcial da construción, pero desde hai anos conta con numerosas e importantes fendas e está en perigo de derrube

"Xa había unha parte da torre caída", revela Ferreiro, "estaba completamente abandonada, e mesmo o acceso para chegar a ela era intransitábel. Creo que houbo un desinterese absoluto por mostrar o significado desta edificación e, neste sentido, creo que todos temos que agradecer o traballo que realizaron as asociacións patrimoniais e culturais para que este símbolo da nosa historia se estudase e divulgase. É un deber trasladarlle á sociedade a importancia deste monumento". 

 

Recuperación histórica 

Desde aquela intervención de finais dos anos 90, ningunha Administración realizou ningunha acción na Torre malia as incesantes demandas de colectivos culturais e da propia Vicepresidencia da Deputación de Lugo, limitándose só a rozar ocasionalmente parte da contorna. Por outra parte, a torre volve estar asediada, desta vez por eucaliptos, que proliferan sen ningún tipo de control. 

Coa recente adquisición desta parcela, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo comeza o seu proxecto, que aínda debe ser completado. "A  adquisición afecta só unha parte da torre, unha parcela de 19.596 metros cadrados e inclúe a metade da Torre, o sistema de fosos e contrafosos defensivos escavados no perímetro da edificación e o acceso principal", enumera a vicepresidenta Maite Ferreiro. 

"A nosa intención é conseguir a outra metade. Temos noticia de que existe un compromiso do Concello de Cospeito de adquirir a outra metade mais non  sabemos exactamente se hai un proxecto detrás. No momento en que se nos confirme esa compra, teremos que ir vendo -co Concello e coa Xunta, que é a quen compete a protección dos Bens de Interese Cultural- como rehabilitar ese lugar que representa un capítulo importantísimo da historia do país. Seguimos confiando na "colaboración entre Administracións" para avanzar no proxecto de protección e posta en valor da Torre". 

Comentarios