Calacús, castañas, pantasmas... Samaín!!

Calacús, castañas, pantasmas, espíritos... terroríficos días nos que os mortos están máis presentes que nunca en celebracións que recuperan a tradición polo país enteiro. O Samaín chega de novo con cabazas iluminadas, procesións nocturnas e unha morea de celebracións da man, en especial, das asociacións culturais. 

Imaxe da Revira
photo_camera Imaxe da Revira

En Cedeira, o Samaín é xa unha das festas grandes do ano. Do venres ao domingo, a festa é continua e convida a participar a persoas de todas as idades. As máis novas poderán comezar o propio día 1 co obradoiro de zonchos ou continuar o sábado co de cabazas e a xa tradicional “merendola” de outono. Festa na noite e pantasmas e contos de Quico Cadaval pecharán o domingo as terroríficas festas de Cedeira. 

A Noite dos Calacús prendeu en Pontevedra nos últimos anos e nesta tarde da quinta feira a Concellaría de Festas convida a nenos e nenas a decorar calacús na praza da Ferrería co fin de recuperar a tradición da Galiza agraria que pechaba a tempada de colleitas e recibía a a coñecida como estación escura co solsticio de inverno. 

A Gentalha do Pichel visita ao cemiterio de Bonaval nesta quinta feira ás 19.30, cando a noite xa se impón, da man de André Seoane nunha visita guiada. Ás 20 horas sairán en procesión con vestimentas de defuntas para logo partillar unha “festa e pinchada terrorífica” ás 23.30 a cargo de Radio Kalimera. 

A  Associaçom Cultural Revira celebra por sétimo ano a súa noite de Samaín cun magosto e obradoiro de cabazas, cea popular e queimada e festa final por volta de meia noite. Para a Revira será José Manuel Barbosa quen achegue cunha palestra ás 20.30 ás orixes da celebración. No Parque Carmelo Teixeiro de Caranza arredor das 16 horas comezará o obradoiro de cabazas, castañas e liscos. 

Roteiro da Pantalla en Pedre 

En Pedre, no concello de Cerdedo, as asociacións Amig@s da Cultura, Capitán Gosende e a Irmandade Druídica Galaica organizan o roteiro nocturno polas corredoiras. Atravesarase o antigo camiño veredeiro que comunicaba co Norte de Portugal para atravesar o Lérez até a pedra do Coto das Ínsuas. Rematará a camiñada na aldea de Serrapio coa capela do século XVIII. A noite rematará cunha cea de irmandade e contacontos colectiva con relatos de medo na Casa Florinda. 

Castañas, chourizos e viño na convocatoria do CSA O Fresco de Ponteareas, un convite como moitos máis que as distintas entidades organizan polo país. 

Cada asociación prepara para estas noites a súa particular conmemoración. Magostos, festas e obradoiros tradicionais repártense polo país enteiro. Só hai que dar co máis acaído.

Comentarios