Os Cal, tres xeracións de fotógrafos en Redondela

Tres xeracións de fotógrafos da familia Cal retrataron, principalmente, a vida e as xentes de Redondela. Agora, unha publicación, por vez primeira, agrupa o traballo das diferentes xeracións da familia. 
Unha das fotos de Avelino Cal.
photo_camera Unha das fotos de Avelino Cal.

Durante mais dun século, varias xeracións de fotógrafos da familia Cal retrataron, principalmente, a vida e as xentes de Redondela, conformando un arquivo que permite transitar por un século de historia local. A piques de celebrar o seu 50 aniversario, Cal-3 promove unha publicación, que por vez primeira, agrupa o traballo das diferentes xeracións da familia. Desde os primeiros traballos de Saturno Cal, no inicio do século XX, pasando polo traballo de Avelino Cal, mediado o século, até a última etapa na que baixo a marca comercial Cal-3, desenvolveron o seu traballo, Mundo e Félix Cal. 

 

Tres xeracións de artistas 

Nas primeiras décadas do século XX, e despois dunha etapa en Portugal, Saturno Cal convértese nunha figura destacada na vida local participando do activismo agrario e cultural. Ocupou o cargo de alcalde durante a ditadura de Primo de Rivera. O seu achegamento á fotografía é inicialmente amador para adquirir certo grao de profesionalismo nas décadas dos anos 30. Os seus traballos foron publicados en diversos medios de comunicación como Vida Gallega, ou o suplemento do xornal madrileño ABC

A inquedanza fotográfica de Saturno agromou no seu fillo Avelino, quen dun xeito amador fixo da fotografía un espazo de expresión. Avelino explorou as posibilidades das técnicas de coloración manual das fotografías, no tempo en que reinaba o preto e branco, atinxindo resultados próximos á arte pictórica. 

Por último, no final da década de 70 iniciase a andaina da marca comercial Cal-3, que hoxe segue activa como unha cooperativa de traballo asociado con estudio de fotografía e tenda física no centro de Redondela. Nese espazo desenvolveron o seu traballo fotográfico Mundo e Félix Cal. Con máis de 40 anos de experiencia, consérvase un importante fondo fotográfico que recolle o devir local durante as últimas décadas. 

A publicación que agora se promove, recollerá unha selección dos traballos fotográficos de cada xeración acompañados de textos de achegamento á vida e obra de cada un deles. A coordinación editorial da publicación é realizada pola empresa de producións culturais Trespés, que organizou unha campaña de recollida de fondos a través da plataforma Verkami para financiar a edición. 

Comentarios