"Cahiers du Cinéma" descobre o Novo Cinema Galego

“Cando a industria cinematográfica española está severamente tocada pola crise, asístese a unha emerxencia do documental galego”. Así é o inicio da reportaxe “Loin de Madrid” que a prestixiosa revista de cine francesa “Cahiers de Cinéma dedica ao Novo Cinema Galego no número deste mes de outubro. 

Vikingland
photo_camera Vikingland

Asinada polo cineasta Nicolás Azalbert, a reportaxe apunta a un emerxente cinema que responde a unha serie de particularidades entre as que destaca a mocidade dos seus autores, o trunfo en festivais internacionais, os baixos orzamentos das súas producións e a desaparición da fronteira entre ficción e documental en filmes que teñen na identidade unha das súas trabes. 

Azalbet parte do encontro anual que se celebra no marco do Play-Doc de Tui cos creadores que compoñen a que chama “familia” do “novo cinema galego”. Na orixe, o autor destaca o papel da Axencia Audiovisual Galega -“agora infelizmente desaparecida” di- á hora de “favorecer a emerxencia de miradas persoais”. Recolle, neste sentido, a explicación do que fora o seu director, Manolo González, arredor desta nova xeración de creadores do audiovisual en tempos de baixos orzamentos: “da mesma maneira que os dinosaurios morreron pero os pequenos mamíferos sobreviviron. Asistimos a un proceso inevitábel que nos libera do patrón hexemónico clásico e obriga ao autor a filmar segundo os medios de que dispón”. Na mesma liña, Azalbert cita a Oliver Laxe cando chegou a afirmar que se non se facían filmes é porque non había necesidade de facelos. “Non hai máis escusas que buscar”. 

Entre os autores e películas que a reportaxe cita atópanse Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe,  Vikingland de Xurxo Chirro -ilustra as páxinas cun fotograma deste filme-, Arraianos de Eloy Enciso, Anacos de Xacio Baños, Piedad de Otto Roca ou Costa da Morte de Lois Patiño. Memoria e identidade, destaca como referencias claves nestes filmes que poñen en cuestión as marxes entre ficción e documental. Non esquece o autor que os festivais de Marsella, Locarno, Clermont-Ferrand ou Montevideo acolleron estreas e proxeccións dos filmes dos novos creadores galegos. 

Comentarios