Entrevistamos Belén Bermejo

“Caen as programacións de música clásica e ninguén leva as mans á cabeza”

Espazos Sonoros completou o seu décimo aniversario cunha proposta musical de calidade, con concertos e outras actividades en lugares emblemáticos e de singular riqueza do patrimonio cultural galego. Conversamos con Belén Bermejo, a súa directora do festival Espazos Sonoros, ademais de xestora cultural na empresa Sirgo Torcendo e integrante dos grupos de música antiga 1500 e Pres de Cambrai, entre outros proxectos. Eis un extracto da conversa.

belen_Bermejo_cedida
photo_camera [Imaxe: SG] Belén Bermejo

2O ciclo promove a descuberta patrimonial, ofrece visitas guiadas e tamén obradoiros como actividades paralelas que van alén da música. Por que se crearon?

Hai que ter en conta que en Galiza desprazarse é complicado, necesitas medios propios para chegar á maior parte dos sitios. Se xa é difícil achegarse aos Espazos, ao mellor só para un concerto sabe a pouco. Pero se ofreces algo máis para que a xente poida pasar o día nun ambiente con carácter festivo e aberto a todo tipo de persoas, non elitista, con coñecementos ou sen coñecementos de música, é como un elemento que axuda a captar. Tamén é certo que todas estas actividades axudan a entender mellor o que se ve e o que se escoita, repertorios que moitas veces son difíciles porque non levamos música de consumo habitual. Hai moitas actividades, como os obradoiros de achegamento á música antiga, que permiten que teñas idea da música que vas escoitar. Neste sentido, a xente agradece que lle expliques o que están escoitando, que o contextualices. Temos unha finalidade divulgativa e moita xente foi perfeccionando o seu criterio a base de escoitar e ver cousas moi diferentes. Algo moi necesario na música clásica. Hai outra actividade pola que temos especial cariño, as roldas pola paisaxe organística galega. Coas roldas imos percorrendo os órganos da paisaxe galega e escoitándoos sempre que sexa posíbel. É unha actividade que entusiasma a xente.

Falabamos das dificultades á hora de botar a andar este tipo de eventos.

En xeral, temos dificultade para gañar un oco. Moitas veces ignórasenos e o concepto queda como fóra da definición de cultura galega. Debemos decatarnos de que na Galiza caeron practicamente todas as programacións de música clásica e ninguén levou as mans á cabeza. Nós continuamos porque nos conxuramos. Tivemos que poñer cartos nós mesmos para seguir adiante co festival e nin cobramos nalgunha ocasión. Penso que merecemos un espazo nas programacións e nos medios que non temos, obxectivamente falando.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 268, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios