Cultura

Os cadros viventes das crianzas da Semente

As educadoras da escola Semente de Compostela sorprenderon a cidadanía partillando imaxes dun proxecto que desenvolveron coas crianzas durante o confinamento: a recreación de obras artísticas, maioritariamente galegas. Esta iniciativa, que bebe da idea que fixo viral hai unhas semanas o Museo Getty (Los Angeles), fai parte de toda unha serie de actividades coas que a equipa docente procura realizar un "acompañamento emocional" das familias, fuxindo dos deberes e procurando afrontar a situación en comunidade.
Airas, Anceda e Ansoi representan 'A conversa', de Luis Seoane.
photo_camera Airas, Andeca e Ansoi representan 'A conversa', de Luis Seoane.

Se non podemos ir ao museo... que o museo veña á casa! Ben podería ser esa a premisa dunha das últimas iniciativas que desenvolveu a escola Semente de Compostela para facer fronte á vida no confinamento, pero indo un paso máis lonxe: imos converternos nas obras de arte. 
A idea xurdiu por parte da equipa docente antes das ferias de Pascua, a raíz do desafío que o Museo Getty (Los Angeles) lanzou ao seu público para que recrease obras recollidas na institución durante este tempo de reclusión.

As educadoras da Semente apreciaron o potencial desta proposta especialmente para "franxas de idade nas que a imaxinación voa", explica unha delas, Thais Núñez, e decidiron traela ao seu terreo. De tal maneira, convidaron as familias a través da escola virtual que están mantendo durante a emerxencia sanitaria a dar vida a unha escolma de obras galegas. "Comezamos polo de aquí, como un dos piares da Semente", apunta.

As primeiras en achegar as recreacións foron as propias educadoras, a modo de exemplo e para animar as crianzas, convocando o "poder de imitación" tan importante nesas idades. "O resultado foi marabilloso", valora Núñez, "superou as nosas expectativas". Para as pequenas transcorreu como unha aventura na que se transformaron en personaxes da nosa arte, desde esbozos de Castelao, representacións femininas de Luís Seoane ou a "Arquitectura humana" de Maruja Mallo. Porén, a proposta non se cingue só á pintura, senón que aparece tamén graffitti a través da fortaleza das mulleres rurais de Yoseba MP, os deseños gráficos de Leandro Lamas ou as ilustracións de pandeireteiras de Deica.

Éxito rotundo

Algunhas familias mandaron unha imaxe, pero outras volvéronse adictas: "Non podemos parar de recrear!", brincaban coas mestras. Esta proposta forma parte do labor a distancia que está a desenvolver a escola durante este tempo de confinamento, un "acompañamento emocional, creativo, lúdico". Núñez sinala ademais a expresión artística como outro dos alicerces fundamentais do proxecto, moi presente en comuñón co eixo identitario, que se manifesta a través da escolla monolingüe do galego ou, neste caso concreto, de obras de autoría galega.

Cando menos, esta foi a suxestión inicial desde o cadro educativo, á que logo se engadiron tamén recreacións de pinturas emblemáticas a nivel internacional, como os cans xogando ao pocker de Cassius Marcellus Coolidge ou a icónica ilustración feminista do "We can do it", de Howard Miller -traducida ao "Si, ou que!". Esta última enlaza con outra das premisas fundamentais da escola, o compromiso coa cuestión de xénero, que se manifesta igualmente na opción por autoras como María Antonia Danis, Elga Fernández Lamas ou Lidia Cao. 

Acompañamento emocional

A actividade docente durante a corentena pon o foco nas emocións. "Procuramos saír do papel tradicional de deberes, a Semente non funciona así", destaca Núñez. Pola contra, os sentimentos e a súa expresión son unha prioridade nestes tempos, nos que se manteñen en contacto directo e diario coas familias. De facto, nun primeiro momento elas propias demandaban "propostas de movemento" para as cativas.

"Moverse non é un capricho, é unha necesidade", destaca Núñez, "algo intrínseco á infancia que se non se fomenta vai saír por outro sitio". Con todo, considera que as crianzas o están levando "moito mellor do agardado". É a frase que máis se repite, mesmo con sorpresa. As educadoras valoran que isto se debe a que teñen cubertas as súas necesidades afectivas, pois nestes momentos de confinamento pasan moito tempo coas persoas que máis queren.

Fronte a esta boa nova, porén, atópase a situación de estrés, preocupación ou saturación que enfrontan as persoas adultas nun contexto de incerteza. Atendendo a isto, no plano emocional antes mencionado, as educadoras procuran axudar a alixeirar o malestar: "non queremos engadir máis carga ou esforzo".

Outras propostas

Para alén desta particular visita ao museo, as educadoras desenvolven outras actividades. Todos os días, cada unha pon a disposición do seu grupo na escola virtual un conto. Esta idea tivo tanto éxito que as propias cativas non tardaron en facer o mesmo e partillar as súas propias historias co resto da comunidade, manténdose en contacto permanente como unha das chaves para atravesar da mellor maneira posíbel a situación.

Comentarios