Os cadriños da homenaxe da Praza do Humor da Coruña chegarán á redacción da Charlie Hebdo

Cadriños e debuxos do acto que o pasado domingo organizou a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda en homenaxe ás vítimas da Charlie Hebdo chegarán á redacción do semanario. Antes serán penduradas nunha exposición que será inaugurada por Siro López. 

Acto na Praza do Humor
photo_camera Acto na Praza do Humor

Grazas á iniciativa da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a cidade da Coruña foi quén de encetar en apenas unhas horas unha máis que peculiar, orixinal e sentida homenaxe ás vitimas da acción terrorista perpetrada contra a revista humorística francesa Charlie Hebdo. A referencia xeográfica non podía ser outra, a Praza do Humor, a antiga praza dos ovos coruñesa, a medio camiño entre as igrexas de San Nicolao, San Xurxo e o antigo lupanar da Florida (sic.).

As figuras pétreas de Castelao e Cunqueiro, acompañados ambos polos bustos de Camba, Wenceslao e Risco, acolleron, da man das carícaturas graníticas de Astérix e Obélix, os irmáns Marx ou Mafalda entre outros, a ducias de persoas hábidas de desenfundar rotuladores, pulir cera e gastar témpera para expoñer, en tamaño DIN A-3, a súa raiba e carraxe fronte aos asasinatos parisinos.

A pesares da inimediatez da convocatoria, ésta levantou adhesións inmediatas, así, e grazas aos bos oficios do recoñecido ilustrador e expresidente da Agrupación Alexandre Bóveda, Carlos Silvar, a Asociación Galega de Ilustradores sumouse á iniciativa, difundíndoa activamente polas redes e acudindo á Praza do Humor a dar lectura pública dun comunicado.

"A Asociación Galega de Ilustradores sumouse á iniciativa, difundíndoa activamente polas redes e acudindo á Praza do Humor a dar lectura pública dun comunicado".

Tres cabaletes de pintor, unha mesa de camping desbordada de pinturas de cores e un feixe de láminas de debuxo foron todo o equipo loxístico preciso para comezar a función. Non fixeron falta consignas nin maiores explicacións, a xente lanzouse a, cada cal dentro das súas capacidades artísticas, denunciar a barbaridade cometida en Paris e a amosar a súa solidariedade máis creativa e persoal.

Segundo se ían completando as caricaturas estas ían sendo penduradas con pinzas, como se dunha colada de roupa limpa se tratase, nun cordel que unía dúas farolas nun lateral da praza. A xente ía perdéndolle o medo aos folios, ao tempo que os máis cativos se lanzaban a inundar os paneis de cores. Aos poucos foron chegando destacados ilustradores como Pinto&Chinto ou Xoán G. que se mesturaban entre familias anónimas até que a calidade dos seus debuxos remataba por descubrilos.

Contodo, a mañá tivo un convidado de excepción. Desde o primeiro momento pululaba pola praza, case irrecoñecíbel debaixo dun impoñente abrigo, unha bufanda xenerosa, pucho preto e barba mesta, quen foi no seu día o deseñador da propia Praza do Humor. Cando un xornalista dun medio estatal preguntou quen era, un membro da Agrupación Alexandre Bóveda díxolle descriptivamente “Siro López, o caricaturista galego máis importante desde Castelao”.

O comunicado da Asociación de Ilustradores fixo especial fincapé na necesidade de defender a liberdade de expresión, de opinión, de creatividade como elemento indiscutíbel á hora de tentar formar unha sociedade democrática. Seguindo esa liña argumental, Vitoria Louro, vicepresidenta da Agrupación Alexandre Bóveda metía o dedo na chaga da manipulación mediática que dende os poderes españois se nos está a servir estes días: o mesmo Raxoi que acode á manifestación de París e se solidariza cos asasinados, aproba unha Lei Mordaza que atenta contra as liberdades civís e democráticas máis básicas e elementares.

Os intercambios de opinión derivaban en animadas tertulias, os cativos seguían debuxando, os ilustradores deixaban, con enorme xenerosidade e sentimento, o mellor de sí pendurado nun cordel que quedou pequeno, musulmáns achegábanse a escribir en árabe, a actriz Isa Risco empurraba pola xente para debuxar mentras bulían opinións conspirativas sobre a autoría real do atentado.

A Agrupación Alexandre Bóveda ten previsto facer chegar boa parte das viñetas á propia revista Charlie Hebdo. Antes serán penduradas nas paredes da Agrupación, nunha exposición que será inaugurada, nun día aínda por pechar, cunha palestra a cargo do xenial Siro López.

Parecían que eran as sentidas palabras de Siro as que puñan o ramo a un sinxelo e emotivo acto de defensa a ultranza da cultura e da liberdade, onde a cidadanía da Coruña foi a gran protagonista.

Comentarios