O caderno Máis regresa para fornecer 'Un verán en galeusca'

O proxecto, que vai polo seu terceiro ano, fornecerá relatos de autoras da Galiza, Euskadi, Catalunya e Irlanda. A primeira entrega será a de Andrea Barreiro, que poderá atoparse esta sexta feira nos quiosques e puntos de venda habitual de 'Nós Diario'.
Páxina dupla co primeiro relato de 'Un verán en Galeusca'. (Foto: Nós Diario) #galeusca #unveránengaleusca #máis #caderno #verán #relatos #álexrozados
photo_camera Páxina dupla co primeiro relato de 'Un verán en Galeusca'. (Foto: Nós Diario)

Co caderno Máis chegan as festas, as actuacións, as praias, as rutas... Un monte de plans para o tempo de lecer pero tamén é momento de darlle a benvida a un intercambio cultural creado baixo o nome 'Un verán en Galeusca'. Malia que o xornal en papel leva dous estíos na rúa, a deste ano é xa a terceira edición do proxecto literario impulsado polos medios VilaWeb, Berria e Nós Diario.

A gran novidade con respecto aos anos anteriores é que nesta ocasión súmase á iniciativa o medio irlandés Belfastmedia.

Así, as catro empresas de comunicación compartirán durante os meses de xullo e agosto os mesmos relatos, creados por autoras e autores galegos, vascos, cataláns e irlandeses.

En Nós Diario, no contexto do Máis, a cita con estas pequenas pezas literarias será na sexta feira de cada semana. Para gozar destas creacións será preciso mercar o xornal en papel ou a súa versión dixital na nosa tenda en liña. Outra opción pasa por facerse subscritora ou subscritor.

Sinaturas de gran nivel

Entre as e os creadores d'Un verán en Galeusca atoparás a María Rei, Yurre Ugarte, Juan Luís Zabala, Neus Canyelles ou Anxos Sumai, entre outros moitos.

Unha delas Andrea Barreira, que abre a colección de 2021. Estrea a iniciativa o título 'Cuestión de sangue' desta escritora nacida na Fonsagrada e licenciada en Xornalismo.

A creadora vincula a súa obra ao xénero fantástico, dentro do cal xa publicou libros como Palabra de bruxa (Editorial Galaxia) e Non hai luz sen escuridade (Urco Editora).

Pola parte do país tamén terán o seu protagonismo María Rei e Anxos Sumai. Esta última narradora, "nacida na aldea de Oeste, cabo do río Ulla", publicou Anxos de garda, Melodía de días usados e Así nacen as baleas, por nomear só algúns exemplos. Na súa traxectoria até o de agora aparecen numerosos recoñecementos de entidades como AELG ou de empresas como Repsol.

María Rei, orixinaria de A Laracha (onde vive actualmente e exerce o seu traballo como profesora de Bioloxía e Xeoloxía en Secundaria), sempre estivo interesada no mundo da narrativa. Porén, o salto dos libros para o ensino á literatura chegou en 2020 ao gañar o Premio García Barros coa súa primeira novela, Flores de ferro.

Os relatos que chegan desde a Galiza estarán acompañados de ilustracións do debuxante e deseñador Álex Rozados, que xa ten destacado por outras obras neste mesmo xornal e noutras publicacións. Os contos que distribúan os outros medios irán con cadansúa imaxe, de creadores como Exprai.

Edicións pasadas

En edicións pasadas, as e os lectores Nós Diario (igual que as de Berria e Vilaweb) tiveron a oportunidade de descubrir a escrita de Mercé Ibarz, Daniel Asorey, Marica Campos, Emma Pedreira, Jimu Iturralde, Séchu Sende e Goiatz Labandibar.

Tamén escribiron nestas páxinas especiais Danele Sarriugarte, Iban Zaldua, Katixa Aguirre, Harkaitz Cano, Susana S. Arins, Eli Ríos e Elías Portela e María Reimóndez, entre outras.

Comentarios