O caderno 'Aprender' voa das bolboretas ás cidades do futuro

Os contidos desta semana tamén inclúen a habitual cita coa astronomía e unha reportaxe arredor do mundo das aves. Se queres gozar de todos eles só tes que acudir ao quiosco este sábado e mercar Nós Diario.

Reportaxe de Manuel Meijide, 'As cidades do futuro: cara unha xestión holística urbana'.
photo_camera Reportaxe de Manuel Meijide, 'As cidades do futuro: cara unha xestión holística urbana'.

Alén do Nós Diario e do semanario Sermos Galiza, este sábado retorna aos quioscos o caderno 'Aprender', nunha entrega que alza o voo coas bolboretas até pousar as reflexións na xestión das cidades do futuro. 

O tema de apertura é “As bolboretas que habitan Pontevedra”, repaso pola biodiversidade da especie a raíz da 'Guía de bolboretas do ENIL Xunqueira de Alba', un manual ilustrado que vén de publicar o concello e que diferencia até 43 especies deste insecto.

Continuando coa posta en valor da biodiversidade, o educador ambiental Ramsés Pérez propón para estes días de restricións de mobilidade "Achegarse ao mundo das aves", un texto para coñecermos a fauna máis próxima. 

Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, celebra a chegada do mes de Rosalía propoñendo unha observación da estrela que leva, desde o pasado ano, o seu nome.

Atoparemos tamén nas páxinas a reportaxe "As cidades do futuro: cara unha xestión holística urbana", unha nova reflexión de Manuel Meijide, director de ILUX Visual Technologie, arredor da planificación estratéxica na xestión das potencialidades urbanas mediante o uso de novas tecnoloxías ou a eficiente xestión das infraestruturas e servizos públicos. 

Por último, é tamén protagonista A Carqueixa, unha cooperativa de cría de tenreira galega dos Ancares. Ademais, no Quen fai atoparemos as catro finalistas dos Premios ARESA de Desenvolvemento Rural, das conservas de Terra de Baronceli á Cosmética de Muuhlloa.

Na parte de artigos de opinión poderás ler “Plásticos, un uso breve e unha longa pegada”, unha peza de Juan de Castro, xestor e programador do The Wild Fest; e “Cambio climático”, de Diego Ferraz Castiñeiras. No Pé a terra, recollemos como "A UVigo participa nun proxecto para mellorar a sostibilidade do sector apícola".

Para gozar de todos estes contidos non tes máis que ir ao quiosque, a libraría ou a nosa tenda online para mercar o Nós Diario deste sábado. Como poderás observar, comezamos a ofrecer algúns contidos baixo pagamento. Iso é porque temos a subscrición ao papel pero tamén unha versión web. Sexa como sexa, apóianos neste ano que comeza!

Comentarios