O caderno Aprender fornece as claves da alimentación sustentábel

O suplemento, que vas atopar este sábado nos quiosques ou para a súa lectura na nube xunto cun novo número de Nós Diario, tamén bota luz sobre algunhas das dúbidas vinculadas aos síntomas da Covid-19. Non perdas a oportunidade de ampliar os teus coñecementos da man de persoas expertas en diversos ámbitos.

Caderno aprender
photo_camera Imaxe da reportaxe da capa do novo Aprender. (Foto: Nós Diario)

Se xa che tardaba seguir incorporando coñecementos, este sábado regresa á súa cita contigo o caderno Aprender. Da man de distintas expertas e expertos van explorar varias vertentes do saber para que nunca quedes sen temas dos que conversar. Nas reportaxes principais falamos de alimentación e coronavirus, dous asuntos que sempre están de actualidade.

Neste número 12 do suplemento, a educación toma o papel protagonista na capa. A directora da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Patricia Varela, dá conta de “Os retos do novo curso”. Na apertura do Aprender conta como vai ser a responsabilidade do profesorado e o alumnado a que teña que traballar “ante as carencias do protocolo”.

A primeira páxina complétase cun artigo de Paula Cermeño na sección Eureka. Leva por título “A biodiversidade baixo ameaza.

O tema do Saber Facer resultará especialmente interesante malia o titular en inglés. En “The food, stupids”, o investigador no departamento de química analítica e ciencias dos alimentos da Universidade de Vigo, Jesús Simal-Gándara, fala do sistema produtivo da comida e da maneira que temos de consumila.

O autor, que tamén gañou a Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias 2020, completa a súa explicación de gráficos para que ninguén perda detalle.

Os danos do virus

A reportaxe central chega da man da científica no Centro Médico de Houston (Texas, EUA), Sonia Villapol. Esta experta que forma parte do Equipo de Investigación Internacional da Covid-19, analiza “A Neuroinvasión do Sars-Cov-2: consecuencias a longo prazo”.

Nun texto non apto para persoas hipocondríacas, sinala aquelas partes do corpo humano que se ven máis castigadas polo virus. Completa a dupla a opinión “Litorais limpos e Seguros” de Itziar Díaz Feijoo, representante de Adega.

Mirar arriba

A parte de novas en profundidade féchase coa sección O ceo do mes, na que Martin Pawley (da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío) partilla secretos de Marte baixo o título “Ou ti! Roxa estrela”. Fecha estas páxinas o programador Juan de Castro, que recomenda algúns “Documentais de Natureza a non perder a golpe dun par de ‘clicks’”.

A capa partilla o espazo entre un Quen fai que no que atoparás novas de feiras, produtos artesáns e traballos da Universidade de Vigo. O Selfie da semana tócalle á autora da obra O libro dos Océanos, Esther Gonstalla.

Se queres aproveitar toda esta sabiduría para metela na túa cabeza non esquezas achegarte até o quiosque a mercar o Nós Diario deste sábado. Tamén podes conseguilo para a súa lectura en formato dixital. E se queres evitar que un día se che esqueza, subscríbete xa e apóianos.

Comentarios