O caderno 'Aprender' estuda as migracións relacionadas coa Covid-19

O suplemento desta semana, que atoparás esta cuarta feira no teu quiosque habitual xunto co Nós Diario, inclúe unha comparativa das políticas empresariais das compañías Alcoa e Ence. Tamén presta atención ao medio cun artigo sobre a contaminación mariña e outro sobre os 15 anos do Proxecto Ríos.
aprender caderno 29/07/2020
photo_camera Imaxe da capa do caderno 'Aprender' (Foto: Nós Diario)

Gustaríache saber como ten afectado a crise da Covid-19 as migracións? Este é o teu número perfecto do caderno 'Aprender', que mañá estará na rúa co Nós Diario. A profesora de Socioloxía da Universidade da Coruña (UDC), Antía Pérez Caramés, cóntache todo na capa co artigo “A pandemia migrante”.

A experta, que tamén investiga desde o Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (Esomi), reflexiona sobre a globalización e o papel que ten neste mundo tan conectado o coronavirus. No 'Eureka' María Fernández escribe “Moito queda por divulgar”.

O recoñecido ecoloxista da asociación Adega Ramsés Pérez repasa brevemente “Os 15 anos do Proxecto Ríos e o incremento do interese entre a sociedade galega”.

(Podes ler os artigos do suplemento Aprender, en Nós Diario, á venda no teu quiosque ou na nosa loxa)

Na sección 'Entreliñas' terás a oportunidade de seguir con Pedro Alonso as distintas dinámicas ou políticas de traballo das compañías Ence e Alcoa. Cóntache todo en “A celulosa, o aluminio e a antimateria”.

Ollo cos auriculares

A parte central do suplemento complétase cun artigo do profesor de investigación do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Vigo, Juan Bellas, sobre o “Monitoreo da contaminación” mariña. Búscao no apartado 'Pé a terra'.

Nesta cuarta feira o 'Selfie' destínase ao xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), Juan Carlos Vázquez, que reflexiona sobre o problema de saúde que están a causar os auriculares.

No 'Quen fai que' repártense o espazo o profesor Alberto Dafonte e os seus alumnos do grao de Publicidade do campus de Pontevedra, pertencente á Universidade de Vigo, e os investigadores María Permuy, Antonio González, Mónica López e Fernando Muiño, que crearon a spin-off iBoneLab a partir do seu traballo no campus de Lugo da USC.

Fálase tamén dos premios da Sociedade Galega para a promoción da Estatística e da Investigación de Operacións.

Suplementos diarios de carácter temático

'Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

 

Comentarios