O caderno 'Aprender' analiza as cidades intelixentes e achega a inmunoloxía ao público

Os contidos desta semana tamén inclúen a habitual cita coa astroloxía e unha reportaxe sobre a inclusión nas aulas. Se queres gozar de todos eles só tes que acudir ao quiosque este sábado e mercar Nós Diario.
Vista dunha das reportaxes do caderno Aprender. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vista dunha das reportaxes do caderno 'Aprender'. (Foto: Nós Diario)

Ademais do Nós Diario e do semanario Sermos Galiza, este sábado volves ter unha cita co caderno 'Aprender' que abrangue temas tan diversos e interesantes como a inmunoloxía e o seu papel no control da pandemia ou o futuro intelixente das cidades.

O tema de apertura vai ser “As cidades do futuro: intelixentes e coas persoas no centro”. Trátase dunha reflexión do director de Ilux Visual Tecnologies, Manuel Meijide, sobre as smart cities ou cidades intelixentes.

Igualmente atractiva é a reportaxe de Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, na que conta o que sucede “Nas negras noites de inverno”. Un adianto: en xaneiro hai planetas que asoman máis no ceo.

A dupla central está ocupada polo artigo “Inmunoloxía, a solución a esta pandemia somerxida”. Está escrito pola doutora en Medicina e Cirurxía África González Fernández. A tamén médica en inmunoloxía e catedrática de inmunoloxía en Cinbio (Universidade de Vigo) explica ás e aos lectores máis sobre a ciencia que estuda as defensas do corpo.

Inclúe texto e fotografías de Sara Carrasco e Silvia Iglesias, da Cooperativa 13 grados, e imaxes de Alba Sotelo para Cinbio.

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega asina “Atención á diversidade, un dereito do alumnado” na que fala das aulas como un vehículo para a inclusión social.

Por último, na capa é protagonista Amarelante, un negocio dedicado ao cultivo sostíbel de castañas en Manzaneda. Ademais, no Quen fai partillan espazo Carabuñas, Argaia e LaboraTe e as súas novidades.

Na parte de artigos de opinión poderás ler “De Vigo á Patagonia”, unha peza colectiva de investigadoras do Campus do Mar de Vigo; “A deforestación da culta” da que fala Quercus Sonora; e “Un nadal para educar ás pequenas no coidado da terra”, obra do xestor e programador do The Wild Fest Juan de Castro.

Para gozar de todos estes contidos non tes máis que ir ao quiosque, a libraría ou a nosa tenda online para mercar o Nós Diario deste sábado. Como poderás observar, comezamos a ofrecer algúns contidos baixo pagamento. Iso é porque temos a subscrición ao papel pero tamén unha versión web. Sexa como sexa, apóianos neste ano que comeza!

Comentarios