xoves 13/08/20
LARA ROZADOS, XORNALISTA, ESCRITORA, ACTRIZ...

“O Caderno amarelo nace dun tempo de precariedade e hiperactividade”

Lara Rozados é a recente gañadora do VII Premio de Poesía Victoriano Taibo, con O Caderno Amarelo, volume do que publicamos un avanzo.

Lara Rozados. Foto: C.V.
Lara Rozados. Foto: C.V.

Xornalista, muller de teatro en sentido amplo -autora, intérprete, promotora, crítica...- e escritora, Lara Rozados está a punto de ver o seu primeiro libro de poesía publicado. C'O Caderno amarelo vén de gañar o VII Premio de Poesía Victoriano Taibo, convocado polo Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns. Lara Rozados defende a enerxía da cultura de base e o asociacionismo, ao seu ver, unha rede de creación que está a dar proxectos colectivos de grande interese. 

-Por que titula o seu primeiro libro O caderno amarelo?

A obra é dispersa e foi escrita nun caderno de tapas amarelas co que me agasallara a miña tía e que non me atrevía moito a escribir nel. Só tiña a entrevista con Euloxio Ruibal que fixera para o A Fondo de Sermos Galiza e algunha cifra para guitarra. Unha noite comecei a escribir o que me rebumbiaba na cabeza pensando moito o que facía, case sen borróns e en dous meses naceu o libro. A coincidencia coa obra e Doris Lessing, O caderno dourado, gustoume. 

-En certa medida é unha homenaxe a Lessing?

Lin con moito gusto a súa novela. A relación das mulleres coa escrita interésame, de feito estou a facer a tese doutoral sobre prácticas performativas de poesía das mulleres. Encantárame esa muller que escribía en diversos cadernos. Tamén eu á hora de escribir algo creativo necesito escribir a man. 

"Estamos nun momento moi precario mais hai tamén ansia de buscar saídas a través do asociacionismo e outras propostas colectivas. Dalgunha maneira todas somos precarias e estamos hiperactivas". 

-Será o seu primeiro libro publicado. Significa que comeza agora tamén a escribir poesía?

Levo toda a vida en contacto con ela, xa desde adolescente ou mesmo desde nena. Cando medrei estudei Xornalismo, mais foime interesando a Filoloxía e, en concreto, a literatura. A relación de amizade con moitos poetas contribuíu tamén a que a poesía se convertese nunha ferramenta de expresión. Teño publicado en fanzines outras publicacións mais este será o  primeiro libro. 

-Despois desa relación coa poesía desde a infancia, por que esa celeridade á hora de rematar o seu primeiro libro?

É como se me dese unha arroutada de inspiración. Cadrou nunha época de moita precariedade e moita hiperactividade. Estaba á última pregunta, chamando a todas as ofertas de traballo e chegando a facer de axente de seguros. Ao tempo seguía coidando rapaces ou dando clases particulares e cunha vida asociativa moi intensa. Estaba un grupo de teatro movendo un espectáculo e a punto de estrear outro, no Cineclube de Compostela participabamos nun intercambio da Unión Europea cunha asociación checa e outra polaca, e seguía na tese e facendo artigos nalgún medio. Foi un mes no que se xuntaron infinidade de sensacións e no medio desa hiperactividade pasaban moitas cousas que me tocaban de perto e daban para pensar e canalizar buscando unha forma de resposta. De todo ese axetreo naceu o libro. Polas noites, os poemas foron nacendo. Logo souben da convocatoria e foi o primeiro premio ao que me presentei. 

-Esa precariedade e hiperactividade reflíctense no poemario?

Creo que si porque eran parte do momento vital e iso inflúe na escrita, relacionada coa experiencia persoal e tamén colectiva. Cando falo destas sensacións non é algo que me aconteza só a min, senón que son compartidas. Estamos nun momento moi precario mais hai tamén ansia de buscar saídas a través do asociacionismo e outras propostas colectivas. Dalgunha maneira todas somos precarias e estamos hiperactivas. 

-Esa condición nótase nuns poemas que denuncian e son radicais contra as inxustizas por exemplo, no que fala de dúas rapazas violadas e asasinadas na India. 

Nacen da experiencia persoal e de temas que saen nos xornais aínda que tamén, os menos, hai algúns de carácter intimista e que teñen a ver con persoas importantes na miña vida persoal ou literaria. Unha frase que me gusta repetir é un verso de Gabriel Celaya que di algo similar a que a poesía ten que ter barro, manchar, estar a ras do chan, na rúa. Creo que a poesía ten que ter certo carácter, ás veces ser como unha cámara, ao meu ver, unha forma de captar algo co meu enfoque, o grao de luz que teño e que serve tamén para fixar as cousas que vexo. A situación das mulleres na India é particularmente dolorosa e escribín ese poema como a expresión máxima da violencia patriarcal que, de todas maneiras, existe en todo o mundo, viólanse e menosprécianse mulleres. 

"Toca facer teatro de guerrilla, algo próximo que, por outra parte, o escenario grande non facilita. Cando non hai alternativas, o asociacionismo é aínda máis necesario e as iniciativas de base son clave".

-Cun discurso tan persoal sobre o feito poético, o enfoque de xénero é obrigado?

Leva enfoque de xénero como calquera cousa que escribo, do teatro ao xornalismo. É unha perspectiva que aplico a todo o que escribo, forma parte de min. 

-Os premios abren novos camiños?

Abren. Editar é complicado, non sendo que recorras á autoedición ou edición independente. Dalgunha maneira é o poemario dunha principiante mais desde entón non parei de escribir. Aspiro a formar unha linguaxe propia de meu e seguir escribindo. 

-Que características ten que ter esa linguaxe propia que desexa?

Gustaríame moito definila, mais será á volta do tempo. O que sei é que estou na mesma coordenada que outra xente do meu tempo e o meu contexto. Trátase de escribir unha poesía cunha linguaxe moi clara, moi directa, que tire máis polo colectivo que polo persoal. Quero depurar a linguaxe o máis que poida sen demasiados adornos. Teño a norma de eliminar adxectivos e que os poemas sexan contundentes. 

-Desde os noventa non se volveu falar de xeración en sentido escrito, vostede recoñece elementos como para repensar o tema?

Non sei se son quen de falar de xeración do dous mil ou dos violentos anos dez que diría Ataque Escampe mais o que si é certo é que, desde a precariedade existe unha rede que relaciona poesía, música, teatro... e toda a creatividade dunha xente que está a traballar de maneira moi cooperativa, con moita solidariedade. De aí saen temas moi interesantes, nun proceso aberto que se retroalimenta. 

-Alén do libro, como novidade ten o espectáculo Berlín no que leva á escena o disco de Lou Reed co músico e poeta O Leo. 

Son dez cancións de Lou Reed da que sae a obra que interpretamos os dous, unha mestura de narrativa, performance ou música. O disco é complexo, dez cancións que contan a historia dunha parella no Berlín dos anos setenta, unha parella que vive nunhas circunstancias determinadas nas que se dá toxicomanía, violencia e prostitución. Traballamos con emocións moi complexas. Levámolo por centros sociais e culturais. Interésanos chegar a ese público para o que os centros sociais son como a súa casa, onde vas tomar unha caña, atopar uns amigos e se hai teatro ou música tamén quedas a velo. Toca facer teatro de guerrilla, algo próximo que, por outra parte, o escenario grande non facilita. Cando non hai alternativas, o asociacionismo é aínda máis necesario e as iniciativas de base son clave. Establécense alianzas e lévanse de maneira solidaria iniciativas adiante. Tamén desaparece a división de público e artista, senón que o que antes era público dáse conta cada vez máis de que ten que participar e que a arte ten que estar pegada á vida. 

No número 117 de Sermos Galiza publicamos un avanzo de O Caderno Amarelo, na sección Textos, ao teu dispor nos quiosques do país e na nosa loxa, nesta ligazón.

comentarios