xoves 28.05.2020
Cultura

As "cadencias" que latexan nas aparencias

A décima novela de Manuel Portas, un relato de amor e desamor
O profesor e escritor Manuel Portas [cedida].
O profesor e escritor Manuel Portas [cedida].

Cadencias é un libro sobre as cousas que latexan baixo a superficie das realidades aparentes. Un relato no que as mentiras, esas que nos contamos a nós mesmas, adquiren especial relevancia. Son os seus ritmos, sutís, para ollares adestrados, os que se moven por baixo da densidade. Así, cun estilo impresionista, Manuel Portas debuxa, emulando a paixón do protagonista, a súa visión do particular triángulo amoroso que une as vidas de tres personaxes: ela, el e Elisa.

O autor admite que sería difícil determinar un motivo único como xerminal da obra, mais a reflexión sobre o amor e as relacións humanas, coas amorosas no foco da curiosidade, está na cerna desta breve e condensada narración. Ao tempo, hai un xogo constante "entre a aparencia e o que realmente é", nun "ménage à trois que non é típico", con esas personaxes que saen da normalidade. Mais é precisamente a realidade unha das principais fontes de inspiración do relato, un punto de partida dun texto que bebe da observación do mundo, o que traduce nunha naturalidade e sinceridade que resultan por veces abafadoras.

Estas pinceladas impresionistas perfiladas nas palabras coas que o autor retrata o cotián son precisamente tradución dunha concepción da literatura que "non debe dicir, senón insinuar", segundo comprende Portas. Así, a través dun xesto, dunha chiscadela, descubrimos lenemente o carácter auténtico das persoas, as súas sombras e contradicións, aquilo que ocultan, mesmo de si propias.

Conflitos incómodos

As diferenzas de idade entre os dous protagonistas -nun xogo que bebe da poética cunqueiriana de Poemas do si e do non-, así como a polémica profesión de Elisa -escort de luxo- constrúen os ingredientes singulares do trío amoroso. A novela trasládanos á Barcelona natal do autor de ascendencia arousá, unha cidade na que o protagonista masculino vive unha existencia marcada polo fracaso, incapaz de manter relacións duradeiras.

Os tempos entremestúranse en capas reflexivas nunha sorte de foto fixa, entre a fráxil relación que mantén con ela, unha rapaza moito máis nova, natural da mesma aldea ca el, que chega para estudar arquitectura, e as reminiscencias prendidas na realidade da presenza de Elisa, a anterior moza e verdadeiro amor dese home sen nome.

Esta condena ao máis absoluto anonimato de dúas das personaxes xurdiu de entrada como "unha cabriola lingüística e literaria cos protagonistas", que nun comezo eran só dous, revela Portas. Mais a necesidade de outorgar unha profundidade maior á historia levouno a desenvolver esoutra personaxe, Elisa, que supón unha porta aberta á escuridade na novela.

A focalización predominante atópase no protagonista masculino, mais abandonado en certos momentos, especialmente cara ao final, para introducir a lectora na psique das dúas mulleres. Para Portas, o home "é o máis contraditorio de todos". Sen chegar a ser narcisista, séntese como "unha folla que move o vento, case cun determinismo pesimista" e certa carga na concepción vital que podemos emparentar con Baudelaire. Mais son elas, se cadra, moito máis interesantes.

A de Cadencias é unha historia que foxe do politicamente correcto, porque a literatura, para Portas, "ten que ser crúa, como a propia realidade". E é xusto nese desacougo dalgunhas escenas onde podemos atopar a verdade, unha propia, cadaquén a súa.

comentarios